jueves, 27 de agosto de 2009

O primeiro curso de verán da USC en Ordes xa conta con 30 inscritos

.
Histórica data a do 7 de setembro, na que a vila de Ordes será sede universitaria por primeira vez na súa historia

“A xestión ambiental nos concellos galegos” contará con prestixiosos ponentes do ámbito universitario e empresarial

Preto de 30 persoas inscribíronse xa para participar no curso de verán “A xestión ambiental nos concellos galegos”, que terá lugar entre o 7 e o 11 de setembro en Ordes. Mañá venres, 28 de agosto, pecha o prazo para poder anotarse aínda que non será ata a vindeira semana cando o Concello de Ordes e a Universidade de Santiago de Compostela coñezan o número definitivo de alumnos cos que contará este curso. Trátase da primeira ocasión na que Ordes se convertirá en sede dun curso destas características aínda que o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é que esta iniciativa teña continuidade en vindeiros anos.

O curso centrase en coñecer a situación medioambiental na que se atopan os concellos galegos e traballar para coñecer as bases sobre as que se teñen que apoiar para xerar un desenvolvemento sostible.

"Ecoloxía industrial"
A política integral dos residuos, a implantación dunha “ecoloxía industrial” ou coñecer a situación da auga, o aire e, en xeral, a saúde ambiental dos concellos galegos serán o obxectivo dalgunhas das ponencias que se ofrecerán neste curso. Presentado a iniciativa do Concello de Ordes, o programa conta coa colaboración con Francisco Peña Castiñeira, que será o director do curso, e María Julia Melgar Riol, secretaria do mesmo.

“A Xestión Ambiental nos concellos galegos” contará con poñentes de gran nivel tanto do ámbito universitario como do empresarial e se completará cunha serie de visitas prácticas ao embalse de Vilagudín, ao punto limpo e ás ETAP e EDAR municipais de Ordes, así como ao complexo medioambiental de Sogama (Cerceda).

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente
“A protección ambiental e a correcta aplicación da lexislación vixente debe ser un obxectivo prioritario para nós como garantes das mellores condicións do entorno para os nosos veciños, pero a súa aplicación supón un gran reto para os concellos, tanto económico como de recursos, polo que debemos seguir traballando para coñecer os mellores xeitos de acadar o desenvolvemento sostible

*