.
Veiras: "Esperamos contar co apoio do Concello de Ordes nesta reivindicación"
O presidente da Asociación de Veciños de Pereira, Manuel Veiras ven de informar que un grupo de veciños de diferentes parroquias afectadas polo trazado da variante de Ordes xa teñen presentadas as alegacións ao seu trazado diante da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Segundo a información á que tivo acceso a Asociación, a Demarcación de Estradas ten recibido máis de 500 alegacións veciñais.
En concreto, as modificacións defendidas nas alegacións presentadas pola Asociación de Veciños de Pereira son as seguintes:
1º) Consideramos que as necesidades e circunstancias que motivan a aprobación do citado proxecto non xustifican a súa concepción global como unha autovía de 35 metros de ancho, xa que para conseguir desviar o tráfico da vila de Ordes e solucionar o problema de colapso existente na mesma, non é necesaria a construción dunha autovía que 12,2 km, pechada e case sen accesos, xa que aillaría grande parte da zona este do Concello, provocando graves prexuízos á parroquias de Montaos, Pereira, Poulo e Buscás, que verían prexudicado o seu desenvolvemento socioeconómico.
2º) Para dar solución aos problemas de tráfico e seguridade vial en Ordes, bastaría a construción dunha estrada convencional, que desviaría o tráfico da vila sen aillar e afectar tan gravemente ao futuro socioeconómico da zona este do noso Concello, ao poder conectarse, mediante accesos, coa rede viaria secundaria existente nesta zona.
3º) Non parece razoábel aproximar, do xeito que se fai, aos núcleos de poboación e ás explotacións agrarias esta autovía, cando se podería alonxar significativamente construindo un viaduto sobre o río Cabrón.
4º) Si se pretende facer unha circunvalación a Ordes, para desconxestionar a N550, sería lóxico construír un aceso na estrada AC-3802 (Ordes-Pontecarreira), no lugar da 'Pinguela', para facilitar o aceso a esta autovía, sen ter que ir ate o centro da Vila de Ordes, dos veciños das parroquias de Poulo e Pereira, así como os habitantes dos Concellos de Frades, Oroso e Mesía.
5º) O Estudo Informativo que se somete a información pública non contempla a nova rede viaria local da Parroquia de Pereira, executada no proceso de Concentración Parcelaria da mesma. Polo que se deixan cortadas moitas desas vías e sen aceso as leiras de reemplazo. Non observando, tampouco, que a autovía teña carrís de servizo a ambos lados da calzada.
Manuel Veiras Varela, quen ademáis forma parte da dirección local do Bloque Nacionalista Galego de Ordes, manifestou que "os veciños afectados loitaremos porque se atendan as alegacións e se modifique o Estudo Informativo da Variante de Ordes, creando accesos desde a rede viaria existente no Concello e alonxando o seu trazado dos núcleos de poboación e das explotacións agrogandeiras".
*