lunes, 17 de agosto de 2009

O Concello sinalizará os accesos ao polígono industrial de Merelle


Tobío: “Trátase de dar resposta a unha demanda dos empresarios deste polígono xa que na actualidade non hai ningún tipo de sinalización que facilite a chegada ao mesmo, nin sequera ao longo da N-550”

O Concello vai investir 1.200 euros na sinalización dos accesos ao polígono industrial de Merelle. A concellería de Industria e Comercio, en mans do socialista Xosé Manuel Tobío, xa ten recibido as autorizacións pertinentes tanto do Ministerio de Fomento como da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a instalación destes sinais indicativos. Uns traballos que comezarán nas vindeiras semanas.

Mellorarase o firme da estrada de acceso ao polígono
Estes traballos forman parte da aposta do Concello de Ordes por facilitar a instalación de empresas no municipio. Ademais, nos orzamentos do Concello de Ordes para 2009 inclúese tamén unha partida para mellorar o firme da estrada de acceso ao polígono industrial de Merelle, actualmente bastante deteriorado.

Así mesmo, o Concello está a traballar co Servizo Provincial de Urbanismo da Coruña para completar a documentación solicitada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a posta en marcha dun novo polígono industrial, de case 1,6 quilómetros cadrados, na parroquia de Poulo (xusto a carón da entrada/saída da AP-9).


*