Os nacionalistas propoñen que a corporación inste á Xunta e a Sogama ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes de Ordes
Castro: "O cesamento prodúcese de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa cos concellos afectados, que a partir do 1 de setembro terán que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega"
En resposta ao anuncio da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), polo que se comunica que a partires do 1 de setembro de 2009 procederase ao cesamento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos concellos adheridos, o BNG de Ordes ven de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación municipal, na que propón adoptar un acordo polo que a corporación inste á Xunta de Galiza e a Sogama ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos municipios adheridos, nas condicións que o viña facendo até agora, para o seu posterior tratamento por un xestor autorizado e conforme á normativa vixente, ou, no seu defecto, a que aporte unha solución alternativa e viábel, que non supoña un incremento do recibo do lixo dos concellos afectados.
As frases de Gonzalo Castro, portavo municipal do BNG
"O cesamento na prestación do servizo de retirada de residuos voluminosos por parte de Sogama, para o seu posterior tratamento, prodúcese de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa cos concellos afectados, que a partir do 1 de setembro terán que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado”
“Con este anuncio, Sogama podería estar a incumprir as condicións pactadas cos concellos no momento da súa adhesión, sen que nin a Xunta nin a propia Sogama ofrezan ningunha solución alternativa e viábel aos concellos afectados, que, ademais de ter que artellar sistemas de recollida, verán como os custes do tratamento destes residuos se incrementan de xeito exponencial”
“A falla dun sistema homoxéneo para a retirada destes residuos, xunto co incremento significativo dos custes, precisamente nun momento no que como consecuencia da crise económica e das deficiencias do sistema de financiamento local as facenda municipais están a pasar por situacións moi difíciles, podería derivar na proliferación de vertedoiros incontrolados ou, no mellor dos casos, cando o tratamento se faga conforme á legalidade e por un xestor autorizado, no traslado do incremento dos custes ao recibo do lixo que terán que soportar os/as veciños/as dos concellos afectados”
“Agardamos que esta iniciativa do BNG sexa apoiada pola totalidade dos grupos políticos con presenza na corporación”
*