.
A Cooperativa Láctea de Ordes conta co apoio total e incondicional do goberno municipal
Regos considera o feito coma de un "durísimo golpe económico á comarca"
Pedreira califica de "golpe baixo" a decisión do empresario Jesús Lence
Nota informativa do Goberno municipal de Ordes. 13.30 h.
O Goberno municipal de Ordes vén de manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á actitude amosada pola industria láctea Leite Río-Leyma que, de xeito unilateral, decidiu deixar de recoller leite á Cooperativa Láctea de Ordes. O Executivo municipal demanda, ademais, a intervención da Xunta de Galicia para que se coñezan as causas que levaron á empresa xestionada por Jesús Lence a rescindir a relación comercial únicamente a esta cooperativa. De facerse efectiva esta rescisión deixaríase de recoller preto de 60.000 litros de leite diarios procedentes desta cooperativa.
“Esta situación, de ser definitiva, suporía un durísimo golpe económico non só para Ordes senón para toda a comarca cuxa economía está baseada en boa medida na industria do leite”, explicou o alcalde de Ordes, Manuel Regos. Desde o Goberno municipal enténdese que a actitude amosada por Leite Río-Leyma propiciaría o fracaso do acordo ao que chegaran produtores lácteos, industria e distribución para paliar a crise que vive o sector.
O concelleiro de Medio Rural, Xesús Pedreira, amosouse moi preocupado pola situación que se xeraría e explicou que a decisión adoptada por esta industria láctea “traslada ao resto das industrias un modo empresarial de actuación que xa non ten cabida nos tempos actuais”, “tomar esta decisión supón un golpe baixo aos gandeiros que xa de por si están pasando unha difícil situación”, explicou o edil polo que fixo fincapé en que desde o executivo local apoiaráse totalmente á Cooperativa de Leite de Ordes.
Posicionamento da Xunta de Galicia
O Goberno municipal manifesta, ademais, que ante a falta de reprogramación das súas vendas, a explotación de Ordes atravesará unha complicada situación económica que incidirá no contorno económico do municipio. Neste sentido, insta ao empresario afincado en Lugo a que teña en conta as leis do mercado, que non xustifican nin a caída dos prezos do leite nin a rescisión de ningún contrato, e retome a relación comercial coa Cooperativa Láctea de Ordes.
Finalmente, o Executivo ordense demanda a intervención da Xunta de Galicia para que investigue e clarifique as causas que levaron a Leite Río-Leyma a adoptar esta resolución, ao tempo que demanda que interveña para que a decisión adoptada por esta empresa non sexa firme e decisiva.
_____
El por qué de la decisión de Jesús Lence de no recoger más leche ordense aparece en la edición de hoy, miércoles 19 de agosto, del diario El País.
Foto: Jesús Lence Ferreiro (Castroverde, 1940), propietario de Leite Río.
*