Hoxe tivo lugar a primeira reunión dos alcaldes coas forzas de seguridade da comarca e ao longo dos vindeiros días convocaranse mesas sectoriais de debate
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vai coordinar as actuacións contra a violencia de xénero nos sete municipios da comarca. Unhas actuacións que serán coordinadas polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade, que estudará a elaboración dun protocolo de actuación conxunto para os 40.000 habitantes da comarca ordense.
Así se acordou esta mañá durante unha reunión mantida esta mañá en Ordes polos alcaldes da comarca con representantes das forzas de seguridade da zona (Policía Local de Cerceda, Ordes, Oroso e Tordoia, así como da Garda Civil) e as integrantes do CIM da Mancomunidade. Un encontro no que participou a Xefa de Servizo de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, Pilar González, e o alcalde Manuel Regos, como anfitrión.
Optimización de recursos
O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, explicou que o obxectivo desta iniciativa é “organizar o mellor posible os recursos contra a violencia de xénero e, entre totodos, tratar de previla”. Neste sentido, anunciou que “esperamos tamén facer unhas charlas preventivas en cada concello e sacar dípticos informativos para sensibilizar aos veciños sobre esta lacra social”.
Pilar González alegrouse por que “una Mancomunidad se vaya a ocupar de la violencia de género porque así se dará cobertura a mucha más gente y porque es difícil llegar hasta todas las personas en unos municipios tan dispersos como en Galicia. El hecho de coordinar y sumar recursos significa que podemos ser más eficaces”. De feito, fixo fincapé na indeosincrasia do mundo rural, onde tamén hai casos de violencia de xénero pero que non se denuncian. “Las mujeres del rural no denuncian porque no saben que sufren esa situación de violencia, porque tienen miedo o porque la presión social es mayor”, sinalou González.
Aflorar as denuncias
Pola súa banda, a directora do CIM, Nazaret González, sinalou que “a realidade da violencia de xénero en Ordes fai necesario que todas as administracións públicas aúnen forzas e den unha resposta coordinada dende as súas competencias”. Nazaret González coincidiu con Pilar González na necesidade de actuar na comarca porque, segundo explicou, “canto máis se traballa no ámbito da violencia de xénero e canto máis nos coordinemos, máis afloran as denuncias. Non é que haxa máis violencia, é algo que xa había pero que agora somos capaces de detectala”.
Por iso indicou que obxectivo da Mancomunidade de Ordes con este proxecto é que “todas as mulleres da comarca de Ordes teñan acceso aos mesmos recursos e aos mesmos servizos”. Para iso, o CIM vai poñer en marcha mesas de traballo cos distintos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero: forzas de seguridade, xulgados, centros educativos, administracións locais e centros sanitarios. “Tomaremos como base os protocolos municipais xa existentes e veremos se os adaptamos á Mancomunidade ou facemos un novo”, explicou a directora do CIM.
Pleno ordinario
Despois desta reunión, tivo lugar o pleno ordinario da Mancomunidade correspondente ao mes de marzo. Nesta sesión, os alcaldes da comarca acordaron solicitar unha axuda ao abeiro da Lei de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural e tamén aprobaron a adhesión da Mancomunidade ao convenio asinado entre a Consellería de Presidencia e a FEGAMP para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais.
A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron os alcaldes Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Xosé Dafonte Varela (Trazo) e Antonio Pereiro Liñares (Tordoia), así como o vicepresidente da Mancomunidade, Manuel Astray Mariño, e a concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira.
*