O alcalde Manuel Regos coa nai, viúva e fillas de Xoxardo. |
Manuel Regos: "Se trata dunhas instalacións pensadas para o beneficio do municipio"
O alcalde Manuel Regos, inaugurou o pasado venres as novas instalacións municipais ubicadas nos baixos da Alameda, máis coñecidas como o novo punto de encontro de Ordes. Trátase dunhas instalacións, de máis de 1.300 metros cadrados, que albergan a biblioteca municipal, unha sala de conferencias, aulas de formación, un local para a xuventude, locais de ensaio para as bandas musicais do municipio e un novo museo, o Museo Xoxardo que acolle a obra do falecido artista ordense Leonardo Recouso, máis coñecido como Xoxardo.
Os actos deron comenzo na Casa do Concello cunha recepción á familia de Xoxardo, unha recepción na que Manuel Regos destacou a figura deste pintor, escultor e poeta natural de Ordes. Ademais Regos agradeceu a dispoñibilidade da familia para ceder as obras, un agradecemento que foi recíproco por parte dos familiares que mostraron a súa gratitude ao alcalde por ter habilitado un museo en homenaxe a Xoxardo. Ao acto acudiron a viúva de Xoxardo, dona María José Varela, as súas fillas Estela e Paula Recouso Varela, a súa nai, dona Purificación Ramos Blanco e o seu irmán, don José Manuel Recouso Ramos.
Tal e como explicou Regos, este museo será un “museo vivo, itinerante” que irá intercambiando a gran cantidade de obras do autor cada certo tempo, así como poderá ser utilizado para outras mostras e exposicións”.
Manuel Regos e a nai de Xoxardo, dona Purificación Ramos Blanco. |
Trala recepción no Concello, alcalde e membros da Corporación, así como os asistentes ao acto dirixíronse ata os baixos da Alameda, onde se descubriu unha placa conmemorativa e se fixo unha visita polas diferentes instalacións.
En canto á biblioteca municipal, o rexidor ordense destacou os novos servizos cos que conta, como unha zona de ludoteca, sala de lectura infantil, postos informáticos e a zona de adultos, e insistiu na importancia da ampliación destas instalacións que xa quedaban pequenas no municipio.
Por outra banda, Regos tamén quixo destacar outros dos espazos cos que contan estas novas instalacións, como un local para a xuventude, e os locais de ensaio para os grupos musicais do municipio “uns espazos moi demandados pola nosa mocidade e dos que agora xa poderán disfrutar”, dixo.
Ademais, o novo punto de encontro de Ordes conta tamén cunha sala de conferencias, aulas de formación e unha oficina na que está instalada a Cruz Vermella.
Centos de veciños asistiron a este acto de inauguración, no que puideron comprobar de primeira man o resultado do traballo realizado nos baixos da Alameda. O alcalde, Manuel Regos, insistiu en que “se trata dunhas instalacións pensadas para o beneficio do municipio, polo que espero que sexan do agrado de todos e estou seguro que servirán para o disfrute de todos os veciños e veciñas, tanto de nenos como de maiores”.
*