miércoles, 23 de marzo de 2011

Escolares composteláns percorreron onte o roteiro do Mercurín


Enmarcado dentro das actividades postas en marcha polo Concello de Ordes co gallo do Día da Auga

O Concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente, celebrou o Día Mundial do Auga percorrendo parte do roteiro do río Mercurín na compaña de alumnos, alumnas e profesoras do CEIP Cardenal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela.

Para o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, percorrer o roteiro do río Mercurín é unha forma moi axeitada de celebrar o Día da Auga por ter o nacemento este río ó seu paso polo roteiro, ao mesmo tempo que se pon en valor esta ruta e se lle dá a coñecer aos rapaces e rapazas que nos visitan, a riqueza natural da vila.

O roteiro do río parte do muíño do Campo da Feira onde se atopa un panel interpretativo da ruta e entre os seus principais atractivos figuran a fraga de Tralorrío e tamén dous muíños. Os rapaces percorreron oito dos 16 kilómetros que compoñen o roteiro logo de xantar no paseo fluvial do municipio.

No seu día o roteiro foi deseñado e acondicionado empregando materiais propios da zona como madeira de carballo e de castiñeiro e sen aplicar produtos prexudiciais para o medio ambiente.

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes 
"O noso concello conta cun número crecente de roteiros e sendas adaptadas e habilitadas para a práctica de sendeirismo na natureza para todas as franxas de idade"

*