Segundo a Oficina Integral de Discapacidade do Concello, son máis de medio cento delas no noso municipio
Un ano máis o Concello de Ordes sumase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres que se celebrará, como cada ano, mañá martes 8 de marzo.
Dende o departamento de Servizos Sociais que dirixe Xosé Manuel Tobío, téñense preparadas unha serie de iniciativas en apoio á campaña que este ano promove a Secretaría Xeral da Igualdade baixo o título “Vivir a diferenza, garantir a igualdade”, na que as protagonistas son as mulleres con discapacidade.
Como reforzo a esta campaña, o Concello de Ordes distribuirá por diferentes puntos do municipio os seus carteis , facéndose eco tamén na páxina web municipal e nos paneis informativos dos vídeos, carteis e lemas da mesma e emitindo na radio municipal unha cuña publicitaria.
Mil discapacitados rexistrados no Concello
Dada a particularidade da campaña deste ano, na que as mulleres con discapacidade son as verdadeiras protagonistas, a Concellería da Discapacidade que dirixe Silvia Marín, tamén se sumou a esta iniciativa. Segundo datos da Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes, son máis de medio cento as mulleres con discapacidade que residen no municipio, do total de mil discapacitados rexistrados.
Tal e como explicaron dende o Concello de Ordes, o obxectivo desta campaña é implicar á cidadanía no compromiso de acadar unha sociedade onde se confíe nas capacidades de todas as persoas, sen exclusión.
Exposición “Elas opinan”
Por outra banda e enmarcado dentro destas homenaxes á muller, está previsto que na segunda quincena do vindeiro mes de xuño, Ordes acolla a exposición “Elas ensinan”, promovida tamén pola Secretaría Xeral da Igualdade. Unha mostra que recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas homenaxeando ás mulleres educadoras, pedagodas e mestras como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral.
*