jueves, 3 de marzo de 2011

Os 'comenius' polacos e lituanos, de visita en Ordes


Como contrapartida, un grupo de seis estudantes de 3º e 4º da ESO do IES Maruxa Mallo viaxará de novo a Polonia a finais do mes de abril 

O alcalde Manuel Regos recibiu esta mañá a un grupo de alumnos e profesores de Lituania e Polonia que están a pasar uns días no municipio a través dun intercambio escolar con alumnos de IES Maruxa Mallo.

En total son seis alumnos e catro profesores polacos, e outros seis alumnos e unha profesora lituana os que nos están visitando nestes días, nunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Comenius da Unión Europea no que participa o IES Maruxa Mallo xunto aos institutos da localidade lituana de Druskininkai e a polaca de Pszczyna. Un proxecto que ten unha duración de dous anos e polo que xa o ano pasado visitaran o municipio outros dous grupos de alumnos lituanos e polacos, así como escolares ordenses viaxaran en dúas ocasións a Lituania e unha a Polonia.

O grupo de estudantes e profesores no salón de plenos da Casa do Concello de Ordes.
A Polonia a finais de abril
A finais do vindeiro mes de abril os alumnos ordenses, que están a acoller nestes días aos seus compañeiros lituanos e polacos, viaxarán a Polonia, dando así por finalizadas as viaxes enmarcadas dentro deste programa. En total vixarán ao pobo de Pszczyna, seis alumnos de 3º e 4º da ESO acompañados por profesores do centro.

Na recepción desta mañá, participaron xunto ao alcalde, tamén os alumnos ordenses anfitrións, así como a directora do IES Maruxa Mallo, Rosa Maceiras, e a coordinadora do programa, Isabel Mato, ademais dos concelleiros de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, e a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín.

Os estudantes centroeuropeos posan co alcalde Manuel Regos e o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Espero que a vosa estancia en Ordes sirva para que vos levedes un bo recordo do noso municipio e que poidades apreciar a xentileza e hospitalidade das nosas xentes. Esta experiencia servirá para que coñezades a nosa cultura, así como para que os nosos mozos e mozas coñezan as vosas, polo que espero que a aproveitedes o mellor posible”

*