Estrella Vázquez, presidenta do PP de Ordes. |
O feito de que o polo de agora alcalde de Ordes conclúa o seu mandato inaugurando por terceira vez a mesma obra escenifica perfectamente, en opinión do Partido Popular, o deficiente balance da lexislatura que agora remata.
“Os veciños de Ordes necesitan obras útiles para todos, como un centro de día ou arranxos nas rúas, e non inauguracións repetidas e baleiras de contido que sexan utilizadas polo alcalde para facer campaña electoral cos nosos impostos”, afirma a presidenta do PP local, Estrella Vázquez.
A presidenta do PP ordense engade que "despois de catro anos no Goberno local á fronte dun cuadripartito, Regos abandona o Concello con obras faraónicas rexeitadas polos veciños e deixando aos seu sucesor unha débeda de oito millóns de euros que deberán pagar todos os ordenses cos seus impostos".
Obras de ampliación da Alameda
Na noite de onte, venres -no límite do prazo legal para efectuar actos deste tipo antes das Eleccións Municipais-, o Goberno local de Ordes inaugurou por terceira vez as obras de ampliación da Alameda, unha actuación que xa fora posta formalmente en servizo, polo menos, en dúas ocasións anteriores: polo presidente da Deputación da Coruña o 17 de setembro de 2009; e polo delegado do Goberno en Galicia o 12 de novembro de 2010. Posteriormente, o 30 de novembro dese mesmo ano, o Concello volveu anunciar a entrada en servizo desas dependencias.
Dase a circunstancia de que as obras de ampliación da Alameda, nas que o Concello gastou máis de dous millóns de euros suscitaron un amplo rexeitamento veciñal, ao igual que a construción dunha nova Casa do Concello, por entender que con ese elevado volume de recursos se deberían atender outro tipo de necesidades, como equipamentos de carácter social ou a mellora dos accesos ás aldeas e parroquias.
Máis cartos en folletos ca en arranxos
“Un alcalde que gasta mais cartos en folletos e en comilonas ca en arranxar as rúas da vila falta ao respecto dos veciños”, insiste Vázquez Varela.
“Lamentablemente -agrega a presidenta dos populares ordenses- o actual Goberno cuadripartito de Ordes parécese cada vez máis ao de Touriño e ao de Quintana, seguramente porque o propio Regos se sinte perfectamente identificado con esta estratexia de derroche e ostentación que o levou a pedir o voto con insistencia para ese bipartito que os galegos xubilaron nas furnas”.
*