miércoles, 30 de marzo de 2011

O Concello solicitará á Deputación o saneamento e abastecemento da rúa República Arxentina

Astray, respecto á moción anti execución hipotecaria do BNG: "Ogallá fora competencia nosa reformar a lei hipotecaria"

Se organizarán actividades para coñecer a figura de Xoxardo 

A corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse na mañán de hoxe para celebrar o pleno ordinario do mes de marzo. Un pleno no que se ratificou por unanimidade, o acordo da Xunta de goberno local de data 19 de xaneiro, de participación no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación para a anualidade de 2011. A través deste instrumento solicitarase a realización dos investimentos para o saneamento e abastecemento de auga na rúa República Arxentina.

Vivenda hipotecada
Por outra banda, no punto de mocións, foi rexeitada a urxencia de dúas mocións presentadas polo BNG. Na primeira delas, solicitábase que o Concello pedise á Xunta que inste á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado o impulso dunha reforma lexislativa en materia civil, hipotecaria e procesal dirixida a protexer as persoas cuxa vivenda hipotecada é residencia habitual, co fin de admitir a dación en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria , entre outras cuestións.

Unha moción que non contou co apoio do grupo de goberno, xa que tal e como explicou o edil de Réxime Interior, Manuel Astray, “non é unha competencia do Concello de Ordes, ogallá puidera esta corporación facer algo ao respecto, pero é competencia do goberno do Estado e nós non podemos facer nada”.

A segunda das mocións dos nacionalistas fixo referencia a declarar Ordes como un concello desnuclearizado. O alcance desta declaración implicaría, segundo Gonzalo Castro, a prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares, a prohibición de que en Galicia se constrúan centrais nucleares, continuar co impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética, ademais de incrementar o uso de enerxías renovables no noso modelo enerxético.

Unha cuestión cuxa urxencia tampouco foi aprobada, xa que como explicou tamén o edil Manuel Astray, “dende 1984 neste Concello xa está aprobada unha moción ao respecto deste tema, estando Ordes xa declarado término municipal desnuclearizado, polo que esta moción do BNG non ten lugar”.

Quenda mensual nos locais de ensaio
No punto de rogos e preguntas e ante as críticas e preguntas dos nacionalistas sobre dotar un local de ocio para a xuventude nos baixos da Alameda, inaugurados o pasado venres, a concelleira Silvia Marín quixo aclarar que para a utilización dos locais de ensaio sí se establecerá unha quenda mensual para os grupos que o soliciten na Oficina de Información Xuvenil. Ademais engadiu que se establecerán unhas normas de uso. Pola súa banda, Castro anunciou o seu compromiso para impulsar nos baixos da Alameda e desde o próximo goberno municipal, a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado”.

Finalmente, tamén explicou que se organizarán actividades para dar a coñecer a figura de Leonardo Recouso “Xoxardo”, pintor e escultor ordense a quen se adica o museo instalado nestes baixos.

*