Máis de medio cento de nenos e nenas ordenses participaron na “Tarde de Contos e Lendas” celebrada o pasado venres e que tivo ao entroido como protagonista
A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes quere sumarse un ano máis aos festexos do entroido, nesta ocasión coa celebración de diferentes actividades.
Así, o pasado venres 25 de febreiro tiña lugar nas novas instalacións da biblioteca, unha sesión das Tardes de Contos e Lendas que versou sobre o entroido. Un contacontos foi o encargado de traer a diversión a máis de medio cento de nenos e nenas participantes que bailaron, cantaron e disfrutaron a través do conto “Entroido no zoolóxico”.
'Tardes e contos e lendas'
Desta maneira dábase continuidade ao programa de animación á lectura “Tardes de Contos e Lendas”, posto en marcha pola Biblioteca Municipal do Concello de Ordes hai máis de sete anos, que o último venres de cada mes achega o mundo dos contos a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Unha actividade que se seguirá a celebrar nos vindeiros meses.
Por outra banda, a Biblioteca Municipal está a preparar unha mostra de fondos bibliográficos relativos tamén á festividade de entroido. Unha mostra que permanecerá aberta nas instalacións do centro ata pasado o sábado e domingo de Piñata, e que incluirá libros de receitas típicos desta época do ano, refraneiros, cancións, novelas e todo tipo de documentación e información sobre o entroido.
Ademais, dende a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes quixeron informar de que de cara aos vindeiros meses, tamén está previsto levar a cabo unha nova campaña de animación á lectura, na que teñen a intención de incluirse xuntanzas con diferentes asociacións e colectivos culturais do municipio, xuntanzas que terán lugar nas instalacións da biblioteca.
*