Poderán solicitarse ata o 31 de marzo no departamento de Educación do Concello de Ordes
Terán un importe de ata un máximo de 300 euros
O Concello de Ordes ten aberto o prazo para a solicitude das axudas por desprazamento a estudantes do curso 2010- 2011. Estas axudas poderán solicitalas os estudantes sempre e cando non teñan dereito a transporte escolar gratuíto, ademais de cumprir outra serie de requisitos marcados nas bases da convocatoria.
En canto ao importe máximo das axudas, os estudantes cuxo lugar de residencia diste de 4 a 15 quilómetros do centro de ensino poderán recibir 150 euros, mentres que os que o seu lugar de residencia estea a máis de 15 quilómetros do centro poderán percibir un máximo de 300 euros.
Os impresos para a solicitude destas axudas poden recollerse no departamento de Educación, que dirixe a edila Silvia Marín, na pranta baixa do Concello de Ordes, lugar onde tamén se deberán entregar, unha vez cubertos, xunto á documentación necesaria para formalizar a solicitude. O prazo de entrega de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de marzo.
Bases no BOP de 1 de marzo de 2011
Todo aquel que queira recibir máis información ao respecto pode consultar as bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de data 1 de marzo de 2011, así como no propio departamento de Educación do Concello.
Beneficiarios destas axudas
Poderán optar a estas axudas os/as estudantes, sempre e cando non teñan dereito a transporte escolar gratuíto, e que cumpran os seguintes requisitos:
• Estar empadroados/as, tanto o/a solicitante como a súa unidade de convivencia, no Concello de Ordes, cunha antigüidade mínima de dous anos. A situación de alta no padrón deberá, así mesmo, manterse durante o curso escolar, sendo motivo de revogación da axuda o incumprimento da presente condición.
• Residir a 4 quilómetros ou máis do centro de estudos.
• Non estar en posesión de titulación maior ou equivalente aos estudios que desenvolve.
• Cursar estudios nos centros e cursos para os que se solicita a axuda.
• Que a suma das bases impoñibles do IRPF (casiñas 455+465), dos membros que integran a unidade de convivencia, dividido entre o número de membros da mesma non exceda dos 9.333,33 € . No caso de que non teñan obriga de declarar sumaranse os ingresos por todos os conceptos dos membros que integran a unidade de convivencia.
• Que a suma dos valores catastrais das fincas urbanas que pertenzan aos membros da unidade de convivencia, excluída a vivenda habitual, non exceda os 35.000,00 € e que a suma dos valores catastrais de fincas rústicas non exceda os 13.000,00 €.
• Aos efectos do sinalado nos apartados anteriores entenderase por unidade de convivencia a totalidade dos membros que figuren inscritos no mesmo domicilio no padrón municipal. En calquera caso, de seren menor ou incapacitado/a o solicitante, deberá figurar empadroado/a no mesmo domicilio que algún dos seus pais/nais/titores legais.
Non poderán optar a estas subvencións as persoas e entidades ás que se refiren os artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
*