jueves, 4 de febrero de 2010

Unha trintena de escolares do CEIP Castelao visitaron esta mañá a Casa do Concello

.
Manuel Regos recibiu aos rapaces ordenses e respostou a moitas das súas preguntas para explicarlles o funcionamento do Concello

O alcalde Manuel Regos recibía esta mañá no Concello a visita dun grupo de escolares do CEIP Castelao. Tratouse de preto de trinta alumnos e alumnas de 6º de Primaria que quixeron coñecer de primeira man o funcionamento do seu Concello.

Durante a súa visita, a concelleira de Educación, Silvia Marín, foi a encargada de ensinar aos escolares cada un dos departamentos polos que está composto o Concello de Ordes, así como explicou xunto aos técnicos de cada departamento, a función e o traballo que desempeña cada un dentro do Consistorio. Dende Servizos Sociais a Cultura e Deportes, Medio Ambiente, Discapacidade, Intervención, Urbanismo, Tesourería ou Emprego, os pequenos non quixeron perder detalle de todo o que se fai no seu Concello, interesándose por cada unha das áreas e polas tarefas que se están a levar a cabo en cada unha delas.

Por último foron recibidos no salón de plenos polo alcalde, que quixo responder a todas as preguntas que os rapaces e rapazas ordenses tiveron para el. Regos explicou aos alumnos cuestións operativas do Concello como o funcionamento dun pleno ou do propio grupo de goberno, así como o complicado que é poder dar resposta ás demandas de todos os veciños.

As preguntas dos rapaces mostraron tamén algunhas das súas preocupacións e foron referidas a temas tan importantes como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a atención a discapacitados, dous temas que o primeiro edil destacou e marcou como unha das súas prioridades.

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Un dos meus obxectivos ao chegar ao goberno foi a atención á discapacidade e todo o que iso conleva, e como podedes ver estanse a facer moitas cousas ao respecto. Como exemplo pódovos poñer a creación, hai aproximadamente un ano, dunha concellería da Discapacidade, a realización dun curso de habilidades sociais para facilitar a vida cotiá a persoas con algún tipo de discapacidade, así como diferentes actuacións, xa realizadas e que se completarán no futuro, en relación á eliminación de barreiras arquitectónicas, ao que se suma tamén a próxima construcción da nova Casa do Concello que se caracterizará pola súa accesibilidade”

*