lunes, 1 de febrero de 2010

A mancomunidade levará o programa 'Educación en igualdade' pola comarca

.
O pleno aprobou o programa de servizos especializados que se prestarán este ano nos concellos da comarca ordense

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou hoxe o programa de prestación de servizos especializados aos veciños e veciñas da comarca ordense, que inclúe un total de oito programas. Unha programación que este ano presenta unha novidade na prestación do programa 'Educación en igualdade', que se leva desenvolvendo con éxito nos colexios dos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) para fomentar a igualdade de xénero.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, explica que “despois do éxito acadado nos colexios, este ano imos traballar coas distintas asociacións de toda a comarca e imos abrir o programa á poboación en xeral”. Unha medida coa que a Mancomunidade de Ordes pretende “fomentar entre os nosos veciños actitudes a prol da igualdade de xénero, que é unha tarefa non só da comunidade educativa senón de toda a sociedade”, sinala Prado Patiño.

Programas especializados
Continuarase co “Programa de Prevención e Consumo de Drogas” (que inclúe a prestación dos servizos de información, orientación e asesoramento nesta problemática); e o “Programa de asesoramento xurídico”, dirixido especialmente a inmigrantes, inmigrantes retornados. A Mancomunidade tamén continuará co “Programa de Educación Temperá”, que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade (ata os 14 anos); e co “Programa de Apoio á Persoa”, que inclúe asistencia e asesoramento a persoas maiores de 6 anos con demanda psicolóxica.

Por último, o pleno tamén deu o visto bo ao programa de Animación Cultural, que inclúe a realización de distintos eventos culturais na comarca como a III Gala do Deporte ou a Mostra de Obradoiros, que terá lugar ao finalizar os talleres que se desenvolven cada ano nos concellos integrados na Mancomunidade de Ordes.

Así mesmo, a Mancomunidade de Ordes continuará tamén este ano participando no programa “Xantar no fogar”, que en 2009 deu servizo a 21 veciños e veciñas de Cerceda, Frades, Ordes e Oroso; e co programa de Axuda a Domicilio, do que se beneficiaron en 2009 un total de 68 usuarios de Frades, Ordes e Oroso.

*