sábado, 6 de febrero de 2010

O BNG pide un reequilibro das cotas de leite

.
O portavoz nacional, Guillerme Vázquez amosou o documento que lle entregará a Rodríguez Zapatero e que pretende reparar as diferenzas de trato cos labregos galegos

Vázquez: "Dende o BNG demandamos un reequilibrio das cotas, non pode ser que os estados excedentarios sigan a selo, mentres aos deficitarios non lles permitan alcanzar a producir o que necesitan"

O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, acompañado polo ex director xeral de Produción e Industrias Agroalimentarias, Antonio Oca, e polo portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, estivo esta mañá na nosa vila co gallo do acto público que ofreceu no Restaurante El Túnel para presentar as alternativas do BNG para o sector lácteo. Vázquez sinalou, ante as máis de 150 persoas que ateigaban o auditorio, que “Galiza ten dereito a producir, a transformar e a traballar na propia terra”.

Vázquez amosou odocumento do BNG que lle entregará a vindeira semana ao presidente do Goberno central que contén medidas específicas destinadas ao sector lácteo galego “para que se comecen a reparar as diferenzas de trato que padeceron os labregos e labregas deste país, de forma que non fiquen esquecidos na axenda estatal durante a Presidencia semestral da Unión Europea”, dixo.

En relación ao reparto de cota, explicou que Galicia “ten de xogar nun campo con regras de xogo diferentes, cun árbitro que non é neutral, que vai a favor dos outros e contra nós; por iso dende o BNG pedimos que estas regras de xogo sexan iguais, non pedimos nada que non nos pertenza”.

“Logo das negociacións para entrar no Mercado Común Europeo que nos prexudicaron coa articulación do sistema de cotas lácteas desigual, demóstrase agora que os estados excedentarios en produción de leite seguiron sendo excedentarios, mentres a Galiza se lle colocou un corsé para evitar que medrasen as nosas explotacións”, indicou.

“Aos distintos gobernos do Estado nunca lles interesou defender este sector e aceptan que esteamos en desigualdade de condicións”, dixo. “Dende o BNG demandamos un reequilibrio das cotas, non pode ser que os estados excedentarios sigan a selo, mentres aos deficitarios non lles permitan alcanzar a producir o que necesitan”, afirmou.

Evolución do sector lácteo galego
Pola súa parte, Antonio Oca presentou datos dun estudo elaborado polo Centro de Experimentación Agraria de Mabegondo sobre a evolución do sector lácteo. Así, avogou pola necesidade de reactivar a Mesa do Leite como mecanismo de diálogo dos axentes do sector lácteo galego, así como impulsar a sinatura de contratos homologados, para facerlle fronte á crise de prezos.

O BNG aposta tamén por retomar o impulso á sinatura de contratos homologados en Galicia, de acordo ao modelo homologado en 2008, que ofrece maiores garantías para os produtores. “Co goberno do PP pasamos de ser a única comunidade onde había contratos asinados a ser, segundo as denuncias dos propios sindicatos agrarios, onde hai maiores incumprimentos”, expresou Oca, quen tamén explicou o feito de que despois de anos nos que o prezo do leite en Galicia estivo por riba do prezo en Francia, ao que contribuíron as medidas postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural cando estaba dirixida por nacionalistas, pasouse a ter un prezo claramente inferior ao francés coincidindo co cambio de Goberno.

Apoio das institucións comunitarias
A defensa dos intereses do sector lácteo galego, tanto ante as decisións Goberno central, como nos debates que se producen no ámbito da UE foron obxecto de análise no acto celebrado polo BNG. Neste sentido, lembrouse que nos últimos meses, o BNG vén demandando por parte dos gobernos central e galego a posta en marcha de diversas medidas que contribúan a paliar a crise que atravesa o sector lácteo, así como unha posición decidida e firme en apoio perante as institucións comunitarias.

Desta forma, o BNG aposta por instar no ámbito comunitario á revisión inmediata da política de liberalización do sector lácteo en 2015 e ao incremento lineal da cota. En concreto, defende manter a intervención pública no control da produción, a través dunha nova redistribución das cotas lácteas asignadas aos estados membros, de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles países que teñan unha produción inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións.

As frases de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG
“Non coñecemos medidas de impulso deste sector estratéxico por parte do actual Goberno galego, mesmo houbo un retroceso en avances que se tiñan acadado en Galiza
*