jueves, 11 de febrero de 2010

Ordes aposta polo Camiño inglés de Santiago

.
O Concello de Ordes instará á Xunta de Galicia a axilizar a rehabilitación da reitoral de Poulo, así como a programar actos culturais durante este Ano Santo

Pedreira: "Temos a esperanza de que o proxecto da Rectoral de Poulo como albergue vaia incluído nos próximos orzamentos da Xunta"

Os Concellos de Oroso e Ordes apostan decididamente por potenciar e dinamizar o Camiño Inglés ao seu paso pola comarca ordense. Así quedou de manifesto na reunión mantida polo Consorcio do Camiño Inglés, reunido onte no municipio coruñés de Cabanas. Os representantes de Oroso, Antonio Leira, e de Ordes, Xesús Pedreira, queren aproveitar a celebración do Ano Santo Xacobeo para atraer a máis pelegríns e promocionar os seus respectivos municipios de cara a anos vindeiros.


Na reunión do Consorcio, ambos representantes apoiaron a proposta de facer unha petición conxunta dos 17 municipios vencellados ao Camiño Inglés para acceder a unhas axudas da Xunta de Galicia para optimizar a atención aos pelegríns, a través da convocatoria de prazas de voluntarios no Camiño. Unhas axudas para as que a Xunta conta cunha partida de 400.000 euros. Así mesmo, os municipios do Consorcio solicitaron máis publicidade e instar á Delegación do Goberno e ao Xacobeo a que melloren a sinalización e a seguridade no Camiño.


400 euros por cada quilómetro
A título individual, cada un dos 17 municipios polos que discorre o Camiño Inglés asinarán en breve coa Xunta un convenio para recibir unha axuda de 400 euros por cada quilómetro de Camiño que discorra polo seu municipio.

A frase de Xesús Pedreira, tenente de alcalde de Ordes
"Xa fixemos e entregamos un proxecto para utilizar a reitoral de Poulo como albergue e temos a esperanza de que vaia incluído nos próximos orzamentos da Xunta. Ata entón poremos a disposición do Xacobeo os colexios e incluso buscaremos poñer tendas de campaña na zona de Outeiro”

“Esperamos dispoñer tamén de información turística, sobre hoteis e restaurantes para poder ofrecerlla aos pelegríns que visiten Ordes”

Foto: Membros do Consorcio do Camiño Inglés. Xesús Pedreira á dereita e Antón Leira a súa dereita.


*