sábado, 1 de noviembre de 2008

Ofrenda floral ao Soldado Lois


Uns cincocentos veciños e veciñas participaron na tradicional homenaxe que o Concello e a Infantería de Marina do Tercio Norte de Ferrol organizan cada 1 de novembro na honra do laureado Manuel Lois Garcia, “O Soldado Lois”. Un acto que estivo presidido polo alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, e polo Coronel Xefe do Tercio Norte, Juan Ángel López Díaz.


Quen foi o Soldado Lois?
O Soldado Lois, que naceu e vivíu en Ordes, foi nomeado fillo predilecto do Concello de Ordes e condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando (máxima condecoración militar) polo seu acto de heroicidade acontecido no 1937, cando sacrificou a súa vida por salvar aos seus compañeiros do cruceiro “Baleares” ao evitar que estoupase unha caixa de proxectís.
Segundo consta no expediente do Soldado Lois, os feitos aconteceron o 7 de setembro de 1937 a bordo do cruceiro “Baleares”, en augas de Arxel durante a Guerra Civil. Durante un combate, un proxectil alcanzou ao “Baleares” nunha cheminea e un cascote impactou nunha caixa con proxectís iluminantes, da artillería antiaérea de 12 cm. Debaixo destes iluminantes había outros de alto poder explosivo. O comandante de batería, ferido, pedíu un voluntario para abrir esa caixa.
O soldado Lois, telefonista do canón 4, abríu a caixa e recibíu o impacto da explosión, quedando o seu corpo totalmente envolto en chamas e arroxando o artefacto ao mar. Poucas horas despois, falecía na enfermería do buque. Despois recibiría a título póstumo a Cruz Laureada de San Fernando e a Medalla Naval, feitos polos que na actualidade aínda é homenaxeado tódolos anos pola Mariña Española no camposanto vello de Ordes.

A frase
Manuel Regos: "Esta homenaxe parte dun acto de heroísmo, altruismo e entrega por parte do soldado Lois. Uns valores que merecen o noso respecto”.
*