lunes, 3 de noviembre de 2008

Regos e Tajes "conservan a natureza"


O Delegado de Medio Ambiente anuncia que todos os nenos visitarán os parques naturais galegos antes de pasar a secundaria


Manuel Tajes e o alcalde Manuel Regos inauguraron as exposicións “Galicia conservando a natureza” e “Operación Monarca”


Uns 300 rapaces dos distintos centros educativos do municipio teñen programada a súa visita ás dúas exposicións

O Concello vén de inaugurar esta mañá dúas exposicións sobre a importancia de conservar o medio natural: “Galicia conservando a natureza” e “Operación Monarca”. Dúas mostras que foron inauguradas polo alcalde de Ordes, Manuel Regos; o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Manuel Tajes Gómez; e o concelleiro de Medio Ambiente de Ordes, Xesús Pedreira, que estiveron acompañados por medio cento de rapaces dos colexios Campomaior e Castelao, que foron os primeiros ordenses en visitaren ambas exposicións.

Un momento no que Tajes Gómez anunciou que as consellerías de Medio Ambiente e de Educación están a traballar na formalización dun acordo “de xeito que ningún rapaz pase ao ensino secundario sen visitar os parques naturais de Galicia”. Así mesmo, Manuel Tajes, que foi profesor en Ordes durante sete anos, pediu a colaboración dos pequenos na conservación do medio natural. “Queremos que sexades os ollos da Consellería de Medio Ambiente”, explicou.

Pola súa banda, o alcalde de Ordes incidiu na importancia de que todos os veciños e veciñas colaboren na conservación do medio natural e fixo fincapé no traballo que está a facer o Concello de Ordes neste campo. “Neste tempo que levamos á fronte do Concello de Ordes levamos eliminados uns trescentos vertedoiros incontrolados de residuos, temos incrementado a recollida selectiva e imos seguir achegándoa ás parroquias”, explicou Regos Boquete, “actuacións polas que xa fomos premiados coa Bandeira Verde e que para o vindeiro ano esperamos revalidar con máis estrelas”.
`
Cooperación dos pequenos no medio ambiente: vertidos e reciclaxe
Finalmente, Xesús Pedreira solicitou a cooperación de todos os pequenos na defensa do medio ambiente “non só avisándonos daqueles verquidos incontrolados que vexades nas vosas aldeas, senón tamén explicándolles aos vosos familiares a importancia da reciclaxe e de que o Concello de Ordes dispón dun servizo de recollida de residuos que pode utilizarse”. De feito, os pequenos levaron a casa un folleto informativo de “Ordes recicla”, onde se recollen todos os datos de contacto e horarios de recollida de residuos.

A exposición “Galicia conservando a natureza” poderá visitarse ata o vindeiro xoves, 6 de novembro, no Centro Comarcal de Ordes en horario de 10:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Exposición Operación Monarca na Alameda
Por outra banda, a carpa que o Concello ten instalada na Alameda de Ordes acollerá ata o 28 novembro a exposición “Operación Monarca”, cunha serie de paneis informativos que recollen as características da mariposa máis grande do mundo. Unha mostra organizada polo Concello de Ordes e elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Esta exposición estará aberta ao público durante todos os días da semana en horario de 9:00 a 14:00 horas e 16:00 a 19:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 19:00 horas nas fins de semana.


*