lunes, 24 de noviembre de 2008

Parabéns municipais aos estudantes do IES Maruja Mallo polos seus traballos audiovisuais sobre a violencia de xénero


Elaboraron unha reportaxe que será proxectada o 12 de decembro na Casa da Cultura

O Concello vén de presentar esta mañá un protocolo municipal de actuación contra a violencia de xénero elaborado para “trasmitirlles seguridade ás mulleres do municipio”, segundo explica a súa coordinadora Ana Mª Álvarez, concelleira de Servizos Sociais.

Este protocolo municipal é froito do traballo realizado polos servizos sociais do Concello de Ordes e da Mancomunidade ordense, do Centro de Información á Muller, do Xulgado nº 1 de Ordes, da Garda Civil de Ordes e de Oroso, da Policía Local e do centro de saúde ordense.

"Nin unha gota máis"
Así mesmo, durante a presentación deste protocolo municipal tamén se presentou un traballo audiovisual realizado no último mes por dez rapaces e rapazas do IES Maruxa Mallo de Ordes. Coa colaboración da empresa Cenes CIT e dos seus profesores, os mozos ordenses realizaron un spot sobre violencia de xénero, titulado “Nin unha gota máis”, e unha reportaxe documental sobre o tema que será exhibido no auditorio da Casa da Cultura de Ordes o vindeiro venres 12 de decembro, ás 20:30 horas.

Un traballo que foi presentado por dous representantes dos rapaces: Javier Cabezuelo e Vanessa Ríos e que contou coa colaboración das forzas de seguridade e das traballadoras dos servizos sociais do Concello, así como de numerosos veciños e veciñas do municipio que deron a súa opinión sobre a corresponsabilidade no fogar e a violencia contra as mulleres.

"Orballo"
Pola súa parte, a reportaxe realizada se chama “Orballo” porque “entendemos que así é a violencia de xénero: unha choiva miuda e incesante que, como semella que non molla moito, nin nos abrigamos, pero non para e terminas enchoupado”, explica Damián, que coordinou as grabacións. Unha experiencia na que “os protagonistas foron os alumnos”, apunta José Luis Capón, profesor do IES Maruxa Mallo, que se encargaron do guión, das grabacións, do story-board.... A única parte que non acometeron eles foron as entrevistas coas vítimas, que foron grabadas por un equipo de Senes CIT.

Segundo Capón, desta experiencia os rapaces aprenderon tres cousas: “o que significa corresponsabilidade, palabra que algúns nin coñecían; que a violencia de xénero é unha experiencia próxima; e que hai que intentar vencer os prexuizos machistas que crean estas situacións de desigualdade”.

Despois da proxección dun avance deste traballo audiovisual, o alcalde Manuel Regos felicitou especialmente aos representantes dos alumnos do IES Maruxa Mallo polo bo trabalo feito, e animou aos veciños e veciñas de Ordes a que acudan a ver esta reportaxe o vindeiro 12 de decembro na Casa da Cultura.

A frase de Ana Álvarez, concelleira de Servizos Sociais
“Cada institución ten o seu propio protocolo de actuación: o xulgado, a garda civil, a policía local, os propios servizos do Concello.... pero era necesario adaptalos á nosa zona para contar cun criterio de actuación único”.

As frases do alcalde Manuel Regos
“É necesaria a colaboración de toda a sociedade para que a violencia contra as mulleres desapareza, e o Concello de Ordes porá todo o seu empeño para cumprir coa súa obriga na atención ás vítimas

[Aos representantes dos alumnos do IES Maruja Mallo] "Estou asombrado polo traballo que fixéchedes e podedes estar satisfeitos porque é algo que poucos fixeron, non só neste concello, senón en toda Galicia"

As frases dos estudantes do IES Maruja Mallo
Javier Cabezuelo: "Esta reportaxe documental foi unha boa experiencia coa que pensamos que podemos axudar ás mulleres"

Vanessa Ríos: "Puidemos comprobar que o pobo de Ordes nos axudou moito, sen enganarnos nada e contándonos as súas experiencias"

*