miércoles, 1 de diciembre de 2010

Regos asume a responsabilidade sobre uns particularísimos Orzamentos 2011

O pleno aproba cos votos do grupo de goberno e de Díaz Hermida, a partida presupuestaria de 13,3 millóns de euros para 2011

Regos insiste en que pagará todas as facturas que se lle deben aos proveedores do Concello 

A Intervención suplica que o Concello asine o convenio coa Garda Civil antes de comezar a execución das obras

O pleno da corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse na mañá de onte para celebrar a sesión ordinaria do mes de novembro. Unha sesión, na que se aprobaron uns particularísimos orzamentos do Concello para 2011.

Este medio tivo acceso ao informe da Intervención do Concello de Ordes respecto ás cuantías orzamentarias aprobadas. Nese documento ponse de manifiesto que o orzamento municipal do Concello de Ordes para o exercicio económico de 2011 "ascende á contía de 13.324.716,98 euros e 13.054.948,63 euros en gastos". Este suposto superávit non é tal, xa que a lei establece que os orzamentos municipais iniciais non poden presentar déficit, e que en caso de existir este, os orzamentos do exercicio seguinte "deberán de aprobarse con un superávit inicial de contía non inferior ao repetido déficit". Así, asegura o interventor municipal, "os orzamentos do exercicio 2009 liquidáronse cun remanente de tesorería negativo por importe de -269.978,35 euros".  

Para o alcalde Manuel Regos, trátase duns orzamentos “austeros e necesarios”, dun 20% menos que os de 2010 onde se reduce o gasto de persoal e gasto corrente e que segundo o informe do Interventor, "supoñen unha disminución do 20,40% en ingresos e do 22,01% en gastos respecto do exercicio anterior".

Pagar facturas e amortizar débeda bancaria
No referente ás críticas realizadas polos grupos da oposición en canto ao endebedamento do Concello, o primeiro edil insistiu en que ademais de que se seguirán a pagar as facturas dos proveedores, tamén se irá amortizando a débeda bancaria, estando previsto que en 2014 se vexa reducida a uns 2,8 millóns de euros. Sen embargo, o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, manifestou que “o propio informe da intervención municipal, afirma que durante o 2010, quedarán sen pagar 1,5 millóns de euros de facturas de proveedores do Concello, e no Orzamento do 2011 non se contempla facer frente a esta débeda”.

O alcalde, contestando ás acusacións verquidas pola oposición sobre despilfarro do goberno local, insistiu en que moitos dos investimentos realizados no que vai de lexislatura tiveron como obxectivo a compra de terreos e a realización de importantes actuacións como o cuartel da Garda Civil, o paseo fluvial, ou a rolda leste, entre moitos outros, “xerando así un importante patrimonio para o municipio”. Obras que, algunhas delas, ao contrario do que di a oposición, contan con convenios asinados con outras administracións, como é o caso da estrada a Mercurín e o cuartel da Garda Civil.

Convenios incluídos nos orzamentos e todavía non asinados
Pese ás palabras do alcalde, o informe da Intervención da a entender que existen unha serie de subvencións de capital recibidas doutras Administracións que a día de hoxe aínda non foron concedidas. Tales como as actuacións no parque empresarial (300.290 euros), o convenio coa Xunta de Galicia para a estrada de Mercurín (2,8 millóns de euros), a construcción do centro de día para discapacitados na Pontraga (355.161 euros), as actuacións previstas con cargo ao Plan Miner do Ministerio de Industria, e a parte correspondente ao exercicio 2011 do convenio para a conexión da AC 524 coa N-550. A Intervención do Concello reitera "a necesidade da concesión das mesmas con anterioridade ao inicio de calquera tramitación do gasto".

Polémica obra de construcción do cuartel da Garda Civil
Respecto á construcción do cuartel da Garda Civil, o informe da Intervención é claro á hora de condicionar o inicio das obras coa previa sinatura do Convenio que ampare o seu financiamento e que a día de hoxe non existe. A Intervención conclúe que "se ben neste exercicio 2011 finánciase con fodos propios o feito de que non se chegara a asinar o citado compromiso, levaría ao Concello a executar unha obra de gran calado económico e sen utilidade práctica para o mesmo". Neste sentido o Partido Popular amosou a súa preocupación durante a sesión plenaria porque este asunto poida non rematar do xeito que o Goberno municipal ten programado. Dende o PP informan de que o pagamento por parte do Ministerio do Interior está condicionado ao visto bó que lle dean os arquitectos do Ministerio ao proxecto que fixo o Concello de Ordes. "Por calquera cousa estes arquitectos non valoran de xeito que o proxecto non foi executado  dacordo co proxecto aprobado e xa teñen un motivo para non pagar ou a lo menos retrasar o pago das obras".

Por outra banda, recordan tamén que o actual protocolo asinado remite ao ulterior asinamento dun convenio, polo que aquel "se trata somentes dunha declaración de intencións e non é vinculante á hora de ter forza contractual se tiveramos que pedir a súa execución forzosa a través dun xulgado". 

Por último non deixaron de lembrar dende o grupo municipal de Ordes que "no 2012, antes da suposta recepción das obras hai uhas eleccións xerais onde poden pasar moitas cousas e se poden remover moitas promesas e moitas intencións por parte dos responsables do actual Goberno de España".

Por parte do Bloque Nacionalista Galego, Castro acusou ao alcalde de “irresponsábel, ao querer iniciar as obras de adiantando dous millóns de euros do diñeiro dos veciños e veciñas de Ordes, sen ter garantizada a devolución dese diñeiro por parte do Goberno Central, xa que ainda non hai asinado ningún convenio co Goberno Central”.

Casa do Concello
Respecto ás críticas tanto de populares como de nacionalistas polo investimento para a nova Casa do Concello, Regos explicou unha vez máis, que se trata dunha actuación necesaria, xa que na actualidade, o edificio Consistorial non cumpre coa accesibilidade, facendo imposible o acceso a veciños e veciñas con algún tipo de minusvalía. Insistiu ademais en que se trata dunha actuación que conta cunha subvención destinada única e exclusivamente para este fin, e explicou novamente que a instalación dun ascensor no actual edificio é imposible.

Tamén, ante críticas da oposición acerca de que os orzamentos non recollen iniciativas para fomentar o emprego, o alcalde quixo facer referencia ás políticas levadas a cabo e que se están a desenvolver dende o Concello ao respecto. Así, explicou que no que vai de ano o Concello realizou 12 cursos para desempregados, situándose Ordes nunha porcentaxe de paro do 12% “moi por debaixo do 20% da media nacional e tamén da media autonómica”. Lembrou tamén aos edís populares a solicitude á Xunta dun novo obradoiro de emprego que a administración autonómica non concedeu, e salientou o traballo que se está a realizar dende a Oficina de Emprego municipal.

Castro reiterou a necesidade de “realizar investimentos que promovan a creación de emprego en Ordes, como un viveiro de empresas e o impulso e promoción da praza de abastos, para o que deberían reorientarse os investimentos, destinando, por exemplo, o diñeiro do proxecto de construcción da nova casa consistorial a estas actuacións para crear emprego”.

Finalmente os orzamentos foron aprobados cos votos a favor do grupo de goberno e un dos edís do grupo dos non adscritos, José Luis Díaz Hermida. O BNG votou en contra alegando que “non se adoptan medidas para paliar a xestión absolutamente caótica e irresponsable dos últimos anos, que ten colocado ao Concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, que colocará ao Concello cunha débeda total de máis de sete millóns de euros, o que ten ocasionado graves problemas económicos aos autónomos e profesionais de Ordes, que ven impagados os seus traballos”.

Outras cuestións
O BNG tamén presentou unha serie de mocións que foron todas elas rexeitadas cos votos en contra do grupo de goberno e o concelleiro non adscrito Díaz Hermida. Así, non se instará aos gobernos da Xunta e do Estado para que cumplan cos investimentos pendentes no concello de Ordes, nin plan de investimento nas instalacións municipais de saneamento. Tampouco se instará á Xunta a cumprir coas previsións da Lei de prevención da Violencia de Xénero nin o manter o actual sistema de identificación do gando.

*