O horario de atención ao público será de 09:00 a 15:00 h. e os luns de 15:30 h. a 20:30 h.
Estará atendido na Casa do Concello de Ordes por unha directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asume o servizo que presta o Centro de Información á Muller (CIM), que seguirá mantendo a súa sede actual no Concello de Ordes. Así o acordou por unanimidade o pleno ordinario da Mancomunidade de Ordes celebrado esta mañá en Ordes.
O horario de atención ao público será de luns a venres, de 09:00 a 15:00 horas e os luns de 15:30 horas a 20:30 horas. O persoal será o mesmo que ata o de agora vén presentando atención en Ordes, é dicir, unha directora e unha psicóloga a xornada completa e unha asesora xurídica.
Prórroga ao programa de Apoio á Persoa
O pleno tamén acordou prorrogar o Programa de Apoio á Persoa, polo que se lle presta un servizo de asesoramento psico-social aos inmigrantes e emigrantes retornados e que este ano se vira afectado por un forte recorte na subvención concedida para este fin. “Decidimos prorrogar este servizo con fondos dos propios Concellos e buscar novas subvencións e axudas para mantelo tanto na Xunta como na Deputación”, explica o presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño.
O pasado mes de novembro, a Mancomunidade recibira unha axuda de 2.666 euros da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados, que leva funcionando con éxito na comarca ordense os últimos tres anos. Unha axuda moi alonxada dos 15.000 euros recibidos nas anualidades anteriores e que puña en cuestión o futuro deste importante servizo nunha comarca, que conta cun censo de máis de 1.150 estranxeiros de case medio cento de nacionalidades distintas. Coa decisión de hoxe, o servizo segue en marcha.
A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade asistiron os seis alcaldes membros do pleno: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o concelleiro de Asuntos Sociais de Ordes, Xosé Manuel Tobío, en substitución doo vicepresidente da Mancomunidade, Manuel Astray Mariño.
A frase de Miguel Prado Patiño, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“Agora que o CIM pasa a depender da Mancomunidade, manteremos a sede do servizo en Ordes pero, cando falla falta, poderán desprazarse ata o Concello correspondente ou mesmo ata o domicilio da persoa”.
*