lunes, 20 de diciembre de 2010
Clausurado por este ano o Voluntariado Verde
Estivo representada Novacaixagalicia por medio do director da sucursal ordense, Héctor Monelos
Xa está dispoñible na Casa do Concello a ficha para participar na edición dovindeiro ano
O Concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente, clausurou o pasado xoves o seu programa de Voluntariado Verde que se iniciara a principios deste ano.
Ao acto de clausura acudiron o edil responsable do departamento de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, e o director da sucursal de Ordes da oficina Novacaixagalicia, Héctor Monelos Díaz, quen asistiu en representación da Obra Social que lle concedera ao Concello unha beca de medio ambiente para que unha persoa se encargara de guiar e axudar na elaboración deste proxecto de carácter medioambiental. No acto tamén estiveron presentes algúns dos voluntarios que participaron nesta iniciativa e que foron os verdadeiros protagonistas do proxecto, así como a coordinadora do programa.
Memoria de actividades
A presentación da memoria de actividades correu a cargo desta persoa, beneficiaria da beca e encargada de coordinar as distintas actividades durante este ano, Beatriz Busto, veciña do Mesón do Vento que conduciu maxistralmente ós voluntarios nos distintos bloques de actividades que conformaba o programa de Voluntariado Verde. Unhas actividades entre as que se encontraron a limpeza de ríos, a posta en valor dos roteiros do municipio, rutas de sendeirismo, charlas informativas sobre diferentes cuestións relativas ao medio ambiente, así como obradoiros e diferentes iniciativas dirixidas á concienciación dos cidadáns, tanto para nenos como para maiores.
Tamén durante o acto de clausura se deu a coñecer a plataforma informática que está dispoñible na web do Concello de Ordes (www.concellodeordes.com) e na que se recolle toda a información sobre o proxecto así como a posibilidade de descargar a ficha de participación en Voluntariado Verde para todos aqueles interesados en formar parte desta iniciativa de cara ó ano próximo.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"É de destacar e agradecer a gran labor que levaron a cabo os nosos voluntarios que de forma desinteresada contribuiron coa súa participación nos distintos bloques de actividades do programa de Voluntariado Verde a coidar e fomentar o respeto polo noso patrimonio natural e sin os que este proxecto non se podería levar a cabo"
*
Protagonistas:
Héctor Monelos,
Xesús Pedreira