Abrirase un periodo de suxerencias para que os veciños poidan participar do proxecto
Regos: "Dende decembro de 2008 non se deixou de traballar un só día no Plan Xeral de Ordes"
O grupo de goberno do Concello de Ordes convocou esta mañá a todos os membros da corporación municipal co fin de dar conta dos avances realizados en relación á tramitación do Plan Xeral do municipio. Así, anunciaron a exposición ao público na web da Consellería de Medio Ambiente, en periodo de consultas, do documento de tramitación ambiental, primeiro trámite para a posterior aprobación do Plan Xeral.
Tal e como explicaron dende o grupo de goberno, abrirase un periodo de suxerencias para que os veciños e veciñas do municipio poidan ser partícipes deste documento, así como se realizarán reunións informativas cos diferentes colectivos do municipio e os grupos da oposición, “mostrando así a transparencia coa que se está a levar a cabo a tramitación deste documento tan importante para o desenvolvemento do municipio, e a celeridade coa que se están realizando todos os traballos para que Ordes conte co Plan Xeral o antes posible”, dixo o alcalde, Manuel Regos.
Nin gota de "ocultismo"
O goberno local quixo desmentir unha vez máis as acusacións de ocultismo e de retraso na elaboración do PXOM verquidas en numerosas ocasións pola oposición, lembrando que dende decembro de 2008, cando se adxudicou a redacción do novo plan, ata agora, non se deixou de traballar no mesmo, coa dificultade e o retraso que supuxo a aprobación da nova Lei do Solo en abril deste ano, que provocou que o documento se tivese que adaptar, partindo prácticamente de cero.
Tal e como explicaron dende o grupo de goberno, coas indicacións que dea agora a Consellería de Medio Ambiente redactaranse os sucesivos documentos para facer que o PXOM de Ordes sexa canto antes unha realidade.