miércoles, 1 de diciembre de 2010

Castro: "O Concello de Ordes non ten garantía algunha de que o cuartel da Garda Civil o vaia a pagar o Ministerio"


O portavoz municipal do BNG acusa a Regos de "irresponsable" por pretender dar comezo ás obras sen ter asinado o convenio con Madrid

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro fixo hoxe unhas declaracións ao medios de comunicación, onde acusou ao alcalde Manuel Regos de “pretender iniciar a construcción do cuartel da Garda Civil, sen ter garantida a devolución por parte do goberno central deste investimento de máis de 2 millóns de euros”. Castro, fixo fincapé “na incapacidade e irresponsabilidade do alcalde, ao querer iniciar as obras de sen ter asinado convenio algún co Ministerio do Interior”.

O portavoz do BNG manifestou que “a propia intervención municipal advirte nun informe de que non deben iniciarse os gastos na construcción do cuartel até que non se teña asinado o convenio que garante a súa devolución por parte do Goberno central”.

Gonzalo Castro lamentou que “o alcalde leve tres anos mentindo aos veciños de Ordes, cando manifestaba que existían partidas nos orzamentos do Estado para sufragar a construcción do cuartel, e que finalmente pretenda que sexan os veciños e veciñas os que financien o cuartel da Garda Civil, cando é o goberno central quen ten a obriga de financialo”.


Exterior do local propiedade do Concello de Ordes cedido para uso da Guarda Civil dende xuño de 2009.
Cronoloxía dos feitos
Decembro de 2007. A socialista Esther Couto avanza que o proxecto de construcción do cuartel da Garda Ciivl de ordes consta "nunha partida xenérica dos Orzamentos do Estado para o ano 2008".

12/05/2008. A declaracións a un xornal galego, Esther Couto declara que "o cuartel o financiará o Estado" e que "hai diñeiro do Estado destinado ao cuartel de Ordes e se súa execución retrasouse foi pola ineficacia do ex alcalde Teodosio Martino que cedeu para a obra un solar que non estaba inscrito no Rexistro Mercantil (sic) e o actual goberno tivo que enmendar este erro".

15/05/2008. O Pleno extraordinario da corporación municipal de Ordes debate e aproba o orzamento municipal para o ano 2008. Nel figura unha partida de 476.000 euros que segundo o goberno se destinarán "a un local para sede da Policía Municipal".

11/09/2008. O concelleira do BNG de Ordes, María Xosé Raña, alerta de que, en contra do que se anunciaba dende o Ministerio do Interior, non existe unha partida orzamentaria no 2008 destinada ao cuartel de Ordes.

21/12/2008. O Ministerio do Interior publica o Plan Especial de Infraestruturas de Seguridade polo que se dota con 13,6 millóns de euros e que servirá para, entre outros, reformar o cuartel de Ordes.

22/12/2008. O concelleiro do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, denuncia que nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2009 non existe partida algunha destinada ao cuartel da Garda Civil de Ordes.

26/05/2009. O Pleno da corporación municipal de Ordes aproba a cesión dunha parcela de 1.350 metros cadrados no Paraíso para a construcción dunha casa cuartel da Garda Civil.

13/06/2009. Os 21 axentes da Garda Civil destinados en Ordes estrean as novas dependencias cedidas polo Concello de Ordes por un periodo de dous anos, situadas enfronte do actual posto.

20/01/2010. Gonzalo Castro, portavoz municipal de Ordes, presenta unha moción para ser debatida no pleno, instando a Manuel Regos a que "meta presa ao Ministerio" para que neste ano 2010 se constrúa o cuartel e se recupere o baixo municipal "para servizos do Concello".

26/01/2010. Durante o pleno ordinario da corporación municipal de Ordes, o alcalde Manuel Regos recoñece que a compra do baixo foi necesaria para que o cuartel permanecese en Ordes, "senón iría para outro municipio".

28/01/2010. Aproveitando a visita de Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdG-PSOE a Ordes, a presidenta da xestora do PP de Ordes, Estrella Vázquez, reclámalle que explique as contínua agresións do Goberno central do PSOE a Ordes, citando como exemplo "a ausencia de orzamento para construir o cuartel da Garda Civil".

25/05/2010. O Pleno da corporación municipal de Ordes aproba o protocolo de colaboración entre a Secretaría de Estado do Ministerio do Interior e o Concello de Ordes.

24/08/2010. El Correo Gallego publica unha información na que se lee que o Ministerio do Interior acepta a proposta de Ordes para facer o novo cuartel e restituirá en 2013 e "nun só pago", o importe das obras.

Novembro de 2010. Un informe do interventor do Concello de Ordes revela a súa recomendación de condicionar o comezo das obras do cuartel da Garda Civil "coa previa sinatura do Convenio que ampare o seu financiamento". A Intervención conclúe que "se ben neste exercicio 2011 finánciase con fondos propios, o feito de que non se chegara a asinar o citado compromiso, levaría ao Concello a executar unha obra de gran calado económico sen utilidade práctica para o mesmo".

30/11/2010. Duante o pleno da corporación municipal de Ordes, o BNG acusa a Manuel Regos de "irresponsable" por querer dar comezo a unhas obras "sen ter garantizada a devolución por parte do Goberno central". Dende o PP de Ordes, lembran que o protocolo que actualmente rixe esta acuación "non é vinculante e non ten forza contractual". O Goberno municipal, "ao contrario do que di a oposición" afirma que as obras do cuartel da Garda Civil "conta con convenio asinado".

Foto arriba: O alcalde Manuel Regos (der.) xunto co concelleiro delegado de Obras de Ordes, Roberto González, durante a toma do local cedido polo Concello de Ordes á Garda Civil en xuño de 2009.

*