viernes, 3 de diciembre de 2010

O Concello conmemorou o Día da Discapacidade cos escolares do municipio


Manuel Regos e Silvia Marín asistiron aos colexios con tres discapacitados ordenses para dar a coñecer a discapacidade e as súas tipoloxías

O Partido Popular denuncia a indemnización de 3.000 euros que tivo que pagar o Concello por extinguir un contrato para suprimir barreiras arquitectónicas na Casa do Concello

O Concello de Ordes celebrou esta mañá os actos conmemorativos do Día Internacional da Discapacidade que se celebra hoxe 3 de decembro. Uns actos que se centraron na visita aos colexios do municipio onde o alcalde Manuel Regos, a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín e tres discapacitados do municipio (dous discapacitados intelectuais e un discapacitado físico), achegaron o mundo da discapacidade aos máis pequenos, así como as diferentes tipoloxías, respondendo a todas as preguntas que tiveron os escolares.

Trala visita aos colexios celebrouse no salón de plenos do Concello un acto institucional, no que un dos discapacitados, Francisco Viqueira, leu un manifesto con motivo deste día, manifesto no que o mozo se centrou na importancia da accesibilidade e a eliminación de barreiras para facilitar que os discapacitados se poidan valer por sí mesmos.

O alcalde tamén quixo ofrecer unhas palabras a todos os asistentes insistindo en que a discapacidade é una cuestión que non se debe de lembrar só este día, “senón que é algo no que hai que traballar día a día co fin de facilitar a integración en todos os ámbitos das persoas que sufren calquera tipo de discapacidade”.

Os representantes do goberno local tamén quixeron destacar o traballo que leva a cabo a Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes, lembrando unha vez máis que o municipio conta cun número importante de persoas con algún tipo de discapacidade, arredor de 1.000, e de aí a importancia de atender as necesidades destes veciños.

O xoven discapacitado Francisco Viqueira le o manifiesto a favor da eliminación de barreiras arquitectónicas.
Indemnización de 3.000 euros a unha empresa
Pola outra banda, o Partido Popular de Ordes aproveitou este Día Internacional da Discapacidade para dar a coñecer que o Concello de Ordes viuse obrigado a indemnizar con 3.000 euros á empresa adxudicataria dun contrato para a supresión de barreiras arquitectónicas na actual casa consistorial, ao inicio da actual lexislatura.
 
Este feito é interpretado polo grupo municipal do Partido Popular como un exemplo máis das contradicións nas que incorre o Executivo local que, agora, en ausencia de explicacións máis convincentes, trata de xustificar a construción dun novo edificio municipal argumentando a necesidade de facilitar a accesibilidade.

"Ordes non precisa dunha nova Casa do Concello"
O Partido Popular insiste en que Ordes non precisa un novo edificio para o Concello, dado que dispón de espazo máis que suficiente na actual casa consistorial, que podería ser máis accesible se Regos non anulase unilateralmente o contrato de supresión de barreiras.

Con todo, e no hipotético caso de que fora preciso máis espazo para as oficinas municipais, aseguran dende o PP, abondaría con ocupar parte do espazo dispoñible nos baixos da ampliación da Alameda, un proxecto que os populares consideran "escasamente útil para a maioría dos ordenses malia que o Goberno municipal derrochou preto de dous millóns de euros nesas obras".

*