Os nacionalistas solicitan á Xunta de Galicia que siga financiando este servizo de transporte que ten como destino bares, pubs e discotecas
Castro: "En Ordes queda acreditado a necesidade e utilidade do servizo de Noitebús"
O PP non discute a importancia do servizo, pero si que teña que ser financiado polos contribuíntes neste periodo de crise
O Bloque Nacionalista Galego presentou o pasado venres en rolda de prensa a resposta da Xunta de Galicia ás preguntas parlamentarias co motivo da supresión do servizo de Noitebús realizadas pola organización nacionalista o pasado mes de novembro. Neste documento, segundo sinalou a deputada Ana Pontón, acompañada do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro; e o responsable local do BNG en Santa Comba, Felipe Calvo; o Goberno autonómico recoñece a importancia deste servizo de transporte para as mozas e mozos galegos que cada fin de semana se trasladan dende diversos puntos do país a Santa Comba ou Ordes.
Estes concellos da comarca de Compostela son as dúas localidades máis prexudicadas, con 28 liñas de Noitebús, 20 Ordes e oito Santa Comba. Na resposta da Xunta de Galicia, apuntou Pontón, despréndese unha total despreocupación pola mocidade galega onde se recolle que “a existencia ou non deste servizo non debe facer esquecer que son as persoas as verdadeiras responsabéis dos seus actos”. Ademais, o departamento autonómico tamén invita ás asociacións de hostalería e locais nocturnos a sufragar os gastos deste transporte xa que son “os verdadeiros beneficiado co mesmo”.
Para a deputada do BNG estas afirmacións non fan máis que indicar que a Xunta de Galicia suprime este servizo por non ser rendible sen pararse a pensar que a cidadanía precisa de servizos públicos que non teñen por que levar aparellados unha compensación económica. Por este motivo, o Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá unha enmenda de catro millóns de euros nos orzamentos da Xunta de Galicia para manter este servizo de cara ao 2011.
Sen embargo, a leitura que fai o Partido Popular respecto á supresión deste servizo responde a que "non se discute" a súa utilidade, senón que se deberán buscar outras formas de financiación debido a actual situación de crise económica. A este respecto, a deputada María Seoane convidou ao Goberno de Rodríguez Zapatero a que poña enriba da mesa os cartos que se precisan.
"A importancia do ocio nocturno das fins de semana"
Pola súa banda, Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, denunciou que a Xunta admite a importancia do servicio de Noitebús na resposta á pregunta do BNG no Parlamento de Galicia sobre o impacto no concello de Ordes da supresión daeste servicio, quedando claro pois a necesidade do mesmo e o inxustifícábel que resulta a súa supresión. A propia Xunta recoñece o beneficio e o éxito deste servizo na súa resposta.
Ademais, Castro destacou que dende o BNG de Ordes “consideramos que a Xunta debe rectificar e manter” o servicio de Noitebús, xa que no caso do Concello de Ordes, queda acreditada a súa necesidade e utilidade, “máis ainda se temos en conta a importancia que ten o sector económico vinculado ao ocio das fins de semana neste concello”.
Foto: Roberto Pardal, Ana Pontón, Felipe Calvo e Gonzalo Castro durante unha rolda de prensa sobre o Noitebús o pasado 22 de outubro.
*