miércoles, 8 de diciembre de 2010

O alcalde de Oroso estima "entre sete ou dez anos" a construcción da variante da N-550

Fomento adxudica á empresa Eyser, Estudios y Servicios, a redacción do estudo informativo do trazado da estrada

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, celebrou o anuncio de adxudicación do estudo informativo da variante da N-550 entre Ordes e Sigüeiro feito onte polo Ministerio de Fomento. Mirás nas súas declaracións puntualizou que “esta obra da variante é algo que vai para rato. Eu calculo que podemos estar falando de entre sete ou dez anos, dependendo do estado do país e da evolución da crise económica”. O alcalde orosán amosou a súa satisfacción polo anuncio realizado hoxe polo Ministerio de Fomento, “xa que mesmo tiñamos pensado un Plan B por se non saíse adiante, que incluía unha ponte sobre o Tambre, pero que agora xa non será necesario”.

O Ministerio de Fomento adxudicou por 339.018,81 euros á empresa Eyser, Estudios y Servicios a redación do estudo informativo da variante do trazado da estrada N-550, nos 11 quilómetros que separan o sur de Ordes do sur de Sigüeiro (pq 40-51). As características do estudo indican que terá dúas calzadas de 7 metros, arcéns exteriores de 2,5 metros e interiores dun metro. O ancho da mediana xustificarase mediante un estudo técnico-económico. O traballo coordinarase cos estudos informativos en redacción da variante de Ordes (EI2-LC-10) e o tramo Sigüeiro-Padrón (EI1-LC-13).

Podes ler a nota de prensa divulgada polo Ministerio de Fomento sobre este particular a través deste enlace.

*