Fernández Moreda nun encontro socialista en Ordes. |
Xesús Pedreira: "2011 será o ano no que a Deputación da Coruña máis apoie ao progreso económico e á creación de emprego nos concellos da nosa provincia”
A Agrupación Socialista de Ordes valorou moi positivamente a boa saúde económica da Deputación da Coruña logo de que o pasado venres, cos votos a favor de PSdG-PSOE e BNG e a abstención do PPdG, o Pleno da institución supra municipal aprobase uns orzamentos para o exercicio do ano 2011 por valor de 175.045.000 euros, un 1,94% menos que no presente exercicio.
Uns orzamentos que, segundo a Agrupación Socialista de Ordes, permitirán á institución presidida polo socialista Salvador Fernández Moreda liderar a senda da recuperación económica dos concellos provinciais ao destinar 67 de cada 100 euros en inversión directa nos municipios, ademais de na mellora dos servizos e na creación de programas de promoción do emprego. Tamén os socialistas ordenses se felicitaron do gran acerto do Pleno da Deputación en permitir que os concellos poidan destinar o 50 por cento dos 24,2 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos (POS) a sufragar gasto corrente, medidas de aforro enerxético e modernización da administración local.
Aínda así, a Agrupación Socialista de Ordes lamentou como durante o ano 2010 a Deputación recolleu un notable aumento de demanda de apoio aos concellos sen que foran previamente atendidos pola administración competente que é a Xunta de Galicia.
Investimentos en Ordes
Por último, a Agrupación Socialista tamén considerou moi satisfactorio o investimento de 21.037 euros na reparación, pavimentación e mellora de drenaxe na rúa Rosalía Castro de Ordes, e dos 116.663 euros que serán investidos na mellora da capa de rodadura na estrada de Ordes a Portomouro, medidas que tamén foron aprobadas durante a sesión plenaria do venres.
Xesús Pedreira (der.) con Pachi Vázquez en Ordes. |
“A Deputación da Coruña presidida polo socialista Salvador Fernández Moreda é un claro exemplo de xestión pública de éxito, cun nivel de endebedamento baixo situado no 45,68%, coa débeda viva máis baixa dende 1998 e unha política de distribución dos fondos equitativa, sen ningún tipo de discriminación por criterios políticos entre os concellos”
"2011 será o ano no que a Deputación da Coruña máis apoie ao progreso económico e á creación de emprego nos concellos da nosa provincia”
*