miércoles, 8 de diciembre de 2010
O ordense Afonso Traficante, gañador do XV Premio Anxel Casal de Poesía
Convocado polo Concello de Santiago de Compostela, ofrece premios nas modalidades de poesía, conto e teatro
“Unha obra extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual”, definiu o xurado a obra do ordense
A concelleira de Educación de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, deu a coñecer o pasado 1 de decembro o nome dos gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal. Afonso Francisco Traficante Fernández, Brais Lamela Gómez e Lara Porto Mato foron os gañadores, respectivamente, nas modalidades de poesía, conto e teatro. En total, presentáronse 56 traballos.
Afonso Francisco Traficante Fernández, alumno do IES Nº 1 de Ordes, con tan só 14 anos, foi o gañador do premio de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás Campos, integrante do xurado, considerou "extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual". Recordou Marcos Sánchez Calveiro, tamén escritor e membro do xurado, que se trataba do poemario máis amplo a concurso e que se presentou como "obra conceptual pechada".
Un premio dende 1996
O Premio Literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 foi o IES de Sar o que formou parte do xurado en calidade de coorganizador do certame, dirixido a alumnos a partir dos 14 anos e con 5.100 euros destinados en premios.
O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.
Fotografía: De esquerda a dereita, os membros do xurado Manuel Bragado, Marcos Sánchez Calveiro Mercedes Rosón e Dores Tembrás Campos.
*