viernes, 24 de diciembre de 2010

Castro: "O BNG comprométese a aprobar o PXOM no próximo mandato 2011-2015"

Os nacionalistas insisten na "falta de vontade" do alcalde para aprobar o Plan Xeral

As reaccións do Bloque Nacionalista á reunión desta mañá de Urbanismo non se deixou agardar. O seu portavoz municipal, Gonzalo Castro, mainfestou que “esta reunión debía terse celebrado hai catro anos, tal e como pediu reiteradamente o BNG durante estes anos, e agora mesmo poderíamos estar falando xa da finalización do PXOM”.

Castro lamentou que “o alcalde intente lanzar agora unha cortina de fume electoralista, coa convocatoria desta comisión, tratando de ocultar a súa falta de vontade para aprobar o PXOM”. Neste sentido, o portavoz do BNG, comparou a actitude do alcalde de Ordes co PXOM “coa dun mal estudante que pretende aprobar unha materia estudando a noite anterior”.

Gonzalo Castro, salientou, con respecto ás xustificacións do alcalde polo retraso na tramitación do PXOM que “as excusas dadas polo alcalde non son máis que mentiras nun intento de enganar aos veciños e veciñas de Ordes, porque o certo é que mentres o alcalde tivo paralizado o PXOM de Ordes nos últimos catro anos, 32 concellos galegos aprobaron o seu PXOM nese mesmo período”.

Segundo o portavoz nacionalista “nestes catro anos demostrouse que para o alcalde é máis importante manter a vixencia dunhas normas subsidiarias obsoletas, que benefician a uns poucos, antes que aprobar un PXOM que beneficie ao conxunto dos veciños e veciñas de Ordes”.

Arzúa e Teo como exemplos
Para Gonzalo Castro “a xestión do alcalde de Ordes, con respeito ao PXOM, contrasta coa que tiveron alcaldes doutros concellos do noso entorno, que aprobaron os seus PXOM recentemente, como é o caso de Arzúa ou Teo, concellos que contan con alcaldes nacionalistas”.

O portavoz do BNG finalizou ratificando o compromiso do BNG “para aprobar durante o vindeiro mandato municipal un PXOM que sexa producto dun amplo consenso, froito do diálogo con todos os sectores sociais, e que redunde nun desenvolvemento urbanístico equilibrado, que permita a creación de vivenda protexida e que prime a calidade de vida dos cidadáns de Ordes”.

*