martes, 10 de agosto de 2010

Todo listo para as festas de Santa María

.
A Policía Local informa de que do 14 ao 18 de agosto cortarase a N-550 habilitándose unha ruta alternativa

A vila de Ordes ten todo preparado para a celebración das festas patronais na honra de Santa María. Así, o Concello ten deseñado un amplo programa festivo no que as verbenas son as grandes protagonistas.

As festas darán comenzo o sábado 14 de agosto e prolongaranse ata o martes 17. O primeiro dos días festivos a charanga “Os Amigos de Visantoña” animarán a xornada coa súa música e pola noite chegará a primeira das grandes verbenas que correrá a cargo de dúas das orquestras máis importantes do panorama musical, “Panamá” e “Sintonía de Vigo”.

O domingo día 15, día da patrona, haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música de Arca, e ás 12 horas celebrarase unha Misa Solemne na igrexa de Santa María. Pola noite tampouco faltará a boa música, que nesta ocasión correrá a cargo das orquestras Bámbola e Olympus. Unha noite que terá ademais un atractivo especial cunha sesión de fogos de artificio a partir da media noite.

Misa en homenaxe ao colectivo migrante
Na xornada do luns día 16, día festivo no municipio, a Asociación Cultural “Amigos da Música” de Ordes e o grupo de gaitas “Os Viqueira” porán a nota musical do día. Un día que como é costume estará adicado ao Emigrante. Así ás 12 horas celebrarase unha misa en homenaxe ao colectivo migrante, que irá seguida dunha ofrenda floral no monumento erixido na honra dos migrantes e que está situado tralo Concello. O alcalde Manuel Regos anima e invita a todos os migrantes do municipio a que sexan partícipes destes actos, que como explicou só teñen como obxectivo “facer un recoñecemento a este colectivo tan importante na nosa comunidade”.
Pero os actos do día 16 non rematarán aí, e á noite serán as orquestras Alarma e Panorama as que poñan a nota musical.

Para rematar as festas o martes día 17 outras dúas grandes orquestras serán as protagonistas no escenario durante a verbena nocturna, a Fania Blanco Show e a orquestra París de Noia.

Dende o Concello, o alcalde Manuel Regos, anima a todos os veciños e veciñas a que participen nas festas que espera sirvan de lugar de encontro e confraternidade entre todos os ordenses.

CORTES DE TRÁFICO NA N-550 DURANTE AS FESTAS
Pola súa banda a Policía Local quixo poñer en coñecemento de veciños e visitantes que a N-550 ao seu paso por Ordes sufrirá un corte de tráfico durante as festas patronais. Así dende as 09:00 horas do sábado 14 de agosto ata as 8 horas do mércores 18 de agosto cortarase a N-550 facendo unha serie de desvíos e marcando así unha ruta alternativa.

Desvío dirección Santiago: o tráfico desviarase pola rúa Rosalía de Castro, a rúa Lagartos e a NOVA VARIANTE AC-524

Desvío dirección A Coruña: NOVA VARIANTE AC-524, rúa do Paraíso, rúa Lagartos e rúa de Galicia.

Ademais estará prohibido estacionar nos días de corte no párking anexo á Alameda e enfrente na Avenida Alfonso Senra do número 109 ao 126.

Por outro lado tamén se marcarán unhas paradas de bus provisionais. Así en dirección Santiago a parada ubicarase na avenida de Alfonso Senra nº 120, (tenda Javier Alfonso), e en dirección Coruña na avenida de Alfonso Senra nº 137 (bar Mira).
Durante as festas tampouco se cobrará a O.R.A.

A Policía Local do Concello de Ordes prega aos usuarios en xeral que respecten a sinalización instalada e as indicacións de Protección Civil e Policía Local.

*