Denuncian tamén "abusos" no cobro pola instalación de terrazas durante as festas
Os nacionalistas de Ordes amosáronse hoxe "sorprendidos” pola información respecto ao Concello de Ordes publicada na web do programa European Twinning do Consello de Municipios e Rexións de Europa (CEMR) que xa fora adiantada por Ordessiete o pasado 15 de agosto. Respecto dela, o concelleiro nacionalista Ramiro Recouso pregúntase onde están esas “galerías de arte” e eses “museos”. Pero sobre todo Recouso, pregúntase onde está ubicado o “porto deportivo” e o “campo de regatas”, que permiten aos veciños e visitantes de Ordes, practicar o deporte da “vela”.
O nacionalista rematou as súas manifestacións pedíndolle ao alcalde “que se centre, que baixe da nube na que vive, e que atenda as verdadeiras necesidades do Concello, empezando por reducir drasticamente a débeda de mais de cinco millóns de euros”.
A través deste enlace tes acceso á información do Concello de Ordes publicada no programa da UE, European Twinning.
Cobro "abusivo" polas terrazas durante as festas
Por outra banda, o portavoz municipal dos nacionalistas de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou tamén esta mañá a acción do Goberno municipal de "pretender cobrar abusivamente aos hostaleiros polas terrazas instaladas durante os catro días das festas patronais de Ordes". Así, Castro indicou que a "ordenanza municipal que regula a taxa pola instalación de terrazas estabelece unha cantidade de 25,64 euros por cada mesa por toda unha tempada, que vai do 15 de xuño ao 15 de setembro, e por cada mesa instalada a maiores durante celebracións especiais, como as festas patronais, a cantidade a cobrar sería de 1,12 euros por cada día".
Castro salientou que "o alcalde pretendeu cobrar aos hostaleiros de Ordes polas mesas instaladas só durante os catro días das festas a cantidade correspondente a toda a temporada, enviando unha carta de xeito sorpresivo o primeiro día das festas onde se lles requiría o pago de cantidades moi elevadas, que nalgún caso chegaban a roldar os 900 euros, ao facturar a totalidade da tarifa de tempada pola instalación dunha terraza só durante os catro días das festas".
Foto: O concelleiro nacionalista Ramiro Recouso.
*