Agardan acadar a lo menos 3.000 sinaturas de adhesión á petición á Xunta de Galicia
Castro: "Co proxecto de ampliación da súa capacidade en máis de 340.000 toneladas converterase no vertedoiro da meirande parte do país”
O BNG de Ordes anunciou hoxe o comezo de recollida de sinaturas para evitar a ampliación do vertedoiro de Sogama. Fronte a esta situación, os nacionalistas instalarán unha carpa na Alameda e repartirán carteis informativos e impresos para a recollida de sinaturas nos comercios ordenses, co obxectivo de informar e implicar aos veciños na “urxente e necesaria mobilización social, co obxectivo de frenar un proxecto que pretende converter a comarca de Ordes no vertedoiro de todo o país, reforzando un modelo de tratamento de residuos que se ten demostrado moi prexudicial para o medioambiente e que constitue un perigo para a saúde”, segundo palabras do seu portavoz municipal, Gonzalo Castro. O BNG instará á Xunta a variar o modelo de xestión de residuos, descartando a ampliación de Sogama, descentralizandoo e abandoando a incineración.
Castro lembrou que nas diferentes reunións celebradas polo BNG con colectivos veciñais “constatouse a preocupación existente diante de feitos como o verquido de lixiviados aos ríos colindantes, o soterramento de medicamentos, ou mesmo os incendios que se teñen declarado no propio vertedoiro, que non fan máis que poñer de manifesto que a xestión dos resíduos que se está a facer na actualidade dista moito de ser medioambientalmente sostíbel e pode ter consecuencias irreversíbeis para o medioambiente e a saúde da nosa comarca”.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O vertedoiro da Areosa foi aberto no ano 1996 como medida provisional para almacenar residuos da planta de Sogama, pero co proxecto de ampliación da súa capacidade en máis de 340.000 toneladas converterase no vertedoiro da meirande parte do país”
"Agardamos conseguir un éxito semellante ao da mobilización que se levou a cabo para o desvío do tráfico de camións de Sogama da vila, que logrou a adhesión de máis de 3.000 sinaturas, que resultaron decisivas para que a Xunta asumise o compromiso da construcción da Rolda Leste, que ainda que se trata dunha infraestructura manifestamente mellorábel, constitue un avance para o definitivo desvío do tráfico de camións de Sogama da vila de Ordes"
Foto: Cartel deseñado polo BNG de Ordes contra a ampliación do vertedoiro de Sogama.
*