martes, 10 de agosto de 2010

Conta atrás para a 'Obra do século' en Ordes

.
Mañá ás 20:00 horas se inauguran as obras da Primeira fase da Rolda Leste do municipio

Trátase dun novo vial de enlace entre a N-550 e a AC-524 que desviará o tráfico pesado do centro do municipio

Ordes está de noraboa. O goberno local inaugurará mañá mércores 11 de agosto ás 20:00 horas unha das obras máis esperadas, a primeira fase da Rolda Leste do municipio, coa que se pretende desviar o tráfico pesado do centro do municipio.

Trátase dun novo vial de enlace entre a N-550 e a AC-524 que conta con tres carrís de circulación, un carril bici e unha senda peonil, converténdose así nunha gran avenida que desviará o tráfico pesado do centro urbán.

As obras, que tiveron un investimento de 868.396,68 euros, estiveron financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través dun convenio asinado entre dita administración e o Concello de Ordes.

"Decisivas" as 3000 sinaturas, segundo o BNG
Tamén co gallo deste inauguración, o BNG de Ordes fixo pública a súa posición respecto dunhas obras que para a súa existencia consideran "decisiva" a adhesión de máis de 3.000 sinaturas veciñais con este propósito. O concelleiro Ramiro Recouso salientou que “o BNG reclamou o mantemento do proxecto inicial no tocante á conexión da Ronda e a N-550 mediante rotondas, en lugar do carril de espera central polo que se optou finalmente, xa que, tendo en conta a elevada densidade de tráfico, esta opción pode xenerar graves problemas de seguridade vial, ademáis de aillar as zonas do Regueiro e de Vilar”.

Segundo o nacionalista, “lamentábelmente, o alcalde rexeitou todas estas propostas, que respondían a reclamacións veciñais, o que amosa a súa despreocupación á hora de negociar coas demáis administracións unha boa execución e melloras para os proxectos a realizar no noso concello.”

Inaugurará o alcalde, Manuel Regos
O acto de inauguración de mañá estará presidido polo alcalde Manuel Regos que estará acompañado polos compañeiros da corporación municipal, así como por representantes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, das empresas encargadas da realización das obras, representantes dos diferentes colectivos do municipio e por veciños e veciñas de Ordes.

Podes ver a continuación o acto de presentación do vial que tivo lugar o 27 de febreiro de 2009:




Foto: Reunión entre o alcalde Manuel Regos co concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, Xesús Pedreira coa por aquel entonces conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride en febreiro de 2009, pechando o convenio de investimento de 2,2 millóns de euros de construción da rolda de circunvalación de Ordes que mañá en parte se inaugura.

*