A organización xuvenil Galiza Nova alerta ademais da existencia de moitos outros lugares insalubres en Ordes
Os feitos teñen lugar na polémica finca do Zoadoiro propiedade de Julio Fernández, de Fradesa
A organización xuvenil Galiza Nova de Ordes denunciou esta mañá a existencia dun vertedoiro incontrolado situado na rúa do Mediodía, que segundo a formación, "está a causar innumerables molestias aos veciños e a contaminación do medio ambiente". Ademais, segundo estas declaracións non se trata dun caso aillado senón que "no concello de Ordes abundan este tipo de vertedoiros nos que se acumula todo tipo de residuos, dende escombro, bolsas de plástico, ferros, ata electrodomésticos; que contaminan o medio ambiente e prexudican a saúde de todos os veciños e veciñas".
Polémica respecto dos supostos "intereses" coa parcela de Fradesa
Podes ver o vídeo da ubicación do vertedoiro ilegal no lugar do Zoadoiro, concretamente na parcela propiedade do promotor Julio Fernández a través da súa sociedade, Fradesa. En octubre de 2008 este solar foi motivo dunha gran polémica ao denunciar públicamente o BNG de Ordes que existían "intereses persoais" por parte de determinados políticos da corporación municipal respecto da urbanización desta finca.
Para a organización xuvenil do BNG é "inconcibible" que un concello como o de Ordes, distinguido con varios premios en xestión de residuos, "permita a existencia de vertedoiros en varios puntos da vila, incluíndo o centro urbán" e responsabilizan directamente da súa existencia á tolerancia do alcalde Manuel Regos e do concelleiro de Medio Ambiente de Ordes, Xesús Pedreira.
Foto: Imaxe do vertedoiro descontrolado da rúa Mediodía (Galiza Nova).
*