viernes, 20 de agosto de 2010

A Mancomunidade recibiu aos ordenses de Bos Aires

Estudiaron a posibilidade da cesión das propiedades do centro arxentino á Mancomunidade ordense

Unha delegación da Mancomunidade viaxará proximamente á capital arxentina para "avanzar nas xestións"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes recibíu esta mañá a visita dunha delegación do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires (Arxentina), encabezada polo seu presidente José Luís Durán. Un encontro no que os alcaldes dos sete concellos que compoñen a Mancomunidade de Ordes estudiaron a posibilidade da cesión das propiedades que o Centro Galego da Comarca de Ordes ten en Bos Aires.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, sinala que “agradecemos o ofrecemento da directiva e dos socios do Centro Galego da Comarca de Ordes. Estudiarémolo e veremos como se pode articular legalmente”. De feito, Prado Patiño indicou que “espero que en breve unha delegación da Mancomunidade visite Bos Aires e podamos avanzar na xestión desta cesión de propiedades”.
Un punto no que coincidiu José Luís Durán, que sinalou que “siempre hemos contado con la colaboración de la Mancomunidad, que el año pasado nos donó un crucero muy bonito y que le da un prestigio a nuestras instalaciones. Ahora proponemos pasarle los bienes en propiedad a la Mancomunidad para estar más tranquilos sobre su futuro”.

Máis de 750 asociados
O Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires conta con máis de 750 asociados. Conta cunhas importantes instalacións en Lomas Valentinas (Bos Aires) nas que o pasado 1 de agosto mesmo inauguraron unha piscina climatizada. Ademais, contan cun amplo salón de actos con capacidade para máis de 600 persoas e unhas amplas zonas verdes que utilizan como merendeiro para albergar actos sociais. “Además tenemos un grupo folclórico de 25 personas, entre músicos y bailarines, y enseñamos gaita y baile gallego gratuitamente”, apunta Durán.

Miguel Prado aproveitou a ocasión para felicitar a Durán “pola boa cesión do centro que estades levando a cabo nos últimos anos pois eu coñezo o centro anterior e o certo é que sorprende ver o moito que se leva avanzado nos últimos anos”. Neste sentido, adiantou que “seguiremos colaborando con este centro, onde os alcaldes da Mancomunidade de Ordes somos socios honorarios”.

Unha colaboración que xa está tendo lugar nestes mesmos días, pois canda esta delegación do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires viaxaron tamén catorce dos 25 integrantes do seu grupo folklórico, que participaron no encontro organizado pola Xunta e mesmo participaron tamén no Día do Emigrante, das festas patronais de Ordes.

Á reunión desta mañá asistiron o presidente da Mancomunidade e alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño; o alcaldes de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; Cerceda, Xosé García Liñares; e Mesía, Mariano Iglesias Castro; así como o primeiro tenente de alcalde de Trazo, Xosé Liste.

Foto: Foto de familia dos dirixentes da Mancomunidade de Ordes co presidente do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires (Arxentina), José Luis Durán [camisa azul e perilla]. 

*