Estivo dirixido aos voluntarios ordenses que participan no programa municipal de Voluntariado Verde 2010
O programa de Voluntariado Verde que o Concello de Ordes promove dende a súa concellería de Medio Ambiente, conta cun bloque de actividades de vixiancia e prevención de lume que pretende ser unha iniciativa de apoio, sensibilización e información sobre a a necesidade de protexer o noso medio.
Así, hoxe xoves día 19 de agosto tivo lugar no Centro Comarcal de Ordes un curso de iniciación á vixiancia e prevención de lumes para os voluntarios ordenses. O encargado de impartir o curso foi un técnico forestal participante no programa de Voluntariado en Defensa do Monte Galego que promove a Xunta de Galicia.
Con este curso preténdense cumprir os obxectivos de mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado; así como os de crear unha estructura de información, formación e sensibilización do voluntariado.
Asimesmo, logo de proporcionar ós voluntarios a formación e información necesaria, traballarase en labores de vixiancia e prevención de incendios diversificando as zonas de vixiancia, repetindo o menos posible as rutas, abarcando o maior territorio posible, buscando espazos que se adapten ós obxectivos do programa de Voluntariado Verde, buscar gran visibilidade os días de risco de incendios, coñecer o medio natural, a súa xeografía, a xente, flora, fauna, historia e potenciais. Tentarase compaxinar estas accións coas xa iniciadas dentro do bloque de actividades de sendeirismo preparando roteiros a pé.
Andaina polo roteiro do Mercurín o próximo sábado
Por outra banda o Concello de Ordes, tamén a través do programa Voluntariado Verde, está a traballar en actividades de sendeirismo e roteiros pola comarca de Ordes, promovendo nesta ocasión unha nova andaina polo roteiro do río Mercurín o próximo sábado 21 de agosto.
A saída realizarase pola mañá, ás 09:00 horas e está previsto que a andaina, dunha lonxitude de 15 kilómetros, dure aproximadamente catro horas. Todas aquelas persoas que queiran participar teñen ata mañá venres para anotarse no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ordes.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade de Ordes
"Temos un desafío moi importante na conservación do patrimonio natural en Galicia posto que, só dende o 4 de agosto deste ano os incendios levan queimadas na nosa comunidade unhas 77.000 hectáreas. Preocuparse polo ambiente é preocuparse polo futuro e a calidade de vida de cada un"
Foto: Alumnos participantes no curso de íniciación á vixiancia e prevención de lumes do Concello de Ordes.
*