miércoles, 2 de septiembre de 2009

Unha gran festa despediu a Escola de Verán


Xogos, manualidades e obradoiros ocupararon as mañás destes rapaces de entre 3 a 12 anos durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Ordes anunciou a apertura da inscrición dun curso dirixido a mellorar a autonomía e psicomotrizidade dos discapacitados

O intenso programa de actividades da Escola de Verán chegou ao seu remate na tarde de onte cunha festa na que tomaron parte os case 100 nenos que participaron nas distintas quendas deste programa. Os rapaces e rapazas, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, tiveron unha tarde de xogos e diversión grazas a unha parella de paiasos que levaron o sorriso a estes pequenos.

Estes obradoiros de conciliación familiar ocuparon as mañás destes nenos entre xullo e agosto, en catro quendas de quince días, co obxectivo de ofrecer ás familias unha alternativa de lecer para os nenos que lles permitira coñecer o seu entorno, ao tempo que permitía aos seus pais manter o seu ritmo de traballo ou descanso.

Servizo de transporte de balde
Esta iniciativa do Concello de Ordes - na que se mantivo os mesmos prezos de 2008 e se lles ofreceu servizo de transporte de balde para os nenos das parroquias-, permitiulles ás familias ordenses ter unha opción para os seus pequenos durante estes meses de verán, xa que os rapaces puideron anotarse nunha quenda ou nas catro. Xogos, manualidades, obradoiros e mesmo visitas á piscina para divertimento dos rapaces compuxeron o completo programa de actividades que onte rematou cunha gran festa na que non faltaron as chucherías por parte da Concellería de Educación.

Curso para discapacitados
A concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, tamén anunciou que xa está aberto o prazo para inscribirse nun curso para discapacitados que se ofrecerá a partir de outubro. Actividades para mellorar a autonomía persoal, alfabetización, psicomotricidade ou obradoiros manuais están entre as actividades que se desenvolverán. Segundo explicou a edil, as clases terán lugar no colexio do Mesón do Vento, “xa que dispón de aulas suficientes e se trata dun edificio sen barreiras arquitectónicas”. Marín lembrou que os interesados poden dirixirse á oficina integral de discapacidade para formalizar a inscrición ou ampliar máis información.

A frase de Silvia Marín, concelleira de Educación e Discapacidade de Ordes
“O balance desta iniciativa foi moi positivo, xa que durante estes dous meses traballamos cos nenos e nenas a convivencia, a amizade ou a igualdade, fomentado tamén o coidado do entorno ou o deporte

*