martes, 22 de septiembre de 2009

Ordes recibiu 61 denuncias de mulleres por maltrato entre xaneiro de 2008 e marzo de 2009

.
Nazaret González, directora do CIM: "Calquera persoa que está a sufrir esta situación que saiba que pode acudir a nós"

Teléfono do Centro da Información á Muller (CIM) de Ordes: 981 68 21 08

A Concellería de Servizos Sociais de Ordes vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización contra a explotación e a trata de mulleres, coincidindo coa conmemoración, mañá mércores 23 de setembro, do 'Día Internacional en contra da explotación e a trata de mulleres e nenas'.

Unha campaña que se vai levar a cabo a través de Radio Ordes e na que se informa de que máis de 500.000 mulleres de todo o mundo viven en réxime de explotación, así como que España sofre unha das maiores redes de tráfico sexual de toda Europa. Así mesmo, apúntase que dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes se ofrece axuda a todas estas mulleres e dase un teléfono de contacto: 981 68 21 08.

Recibíronse 61 denuncias por maltrato
Dacordo cos datos manexados polo CIM de Ordes, entre xaneiro de 2008 e marzo de 2009 atendéronse un total de 85 casos (272 casos se sumamos os da Unidade Psicosocial do Concello de Ordes). No que atinxe á tipoloxía dos casos atendidos, destacan un total de 61 de mulleres maltratadas, das que a gran maioría teñen entre 31 e 60 anos de idade.

Os datos do CIM de Ordes confirman que o alcol está presente en 37 dos 61 casos de maltrato. Ademais, apuntan que tan só 7 das vítimas son inmigrantes, mentras que os 9 homes maltratadores que están en consulta son todos españoles.

A frase de Nazaret González, directora do CIM de Ordes
"O obxectivo desta campaña é dar a coñecer o servizo que prestamos dende o Centro de Información á Muller e que calquera persoa que está a sufrir esta situación saiba que pode acudir a nós e recibir todo tipo de información e asesoramento social, psicolóxico e xurídico, ben a través do propio CIM, ben a través da Unidade Psicosocial do Concello, ou ben a través da Oficina do Migrante”

*