Pedreira a raíz dunha denuncia presentada dende Adega: "todos sabemos quen mandou quitar as fotos que chegaron dende Adega á Consellería de Medio Ambiente para paralizar esta obra"
O cese do tratamento de residuos voluminosos por Sogama non suporá ningún gasto para o Concello ou os veciños, e mesmo pode supoñer un aforro, xa que o punto limpo de Ordes podería acoller os residuos voluminosos dos municipios integrados na Mancomunidade
Roberto González: "Para nós a urxencia é o PXOM"
Regos sobre a aprobación das Contas 2008: "Aquí non hai nada que agachar, estamos facendo obras e entendemos que iso molesta"
“As obras no paseo fluvial do Río Mercurín reanudáronse onte [luns 28 de setembro] e, aínda que semella que hai xente á que lle molesta que se inaugure esta área fluvial, se o tempo acompaña a finais de outubro ou principios de novembro esta obra estará lista para o seu disfrute polos veciños e veciñas de Ordes”. Así respondía o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, á moción presentada polo BNG diante da paralización das obras do paseo fluvial e que non foi admitida a trámite no pleno celebrado esta mañá (a urxencia foi rexeitada cos 9 votos en contra do grupo de Goberno, a abstención dos tres concelleiros do PP fronte aos dous votos a favor do BNG).
Sobre a paralización das obras, a raíz dunha denuncia presentada dende Adega, Xesús Pedreira sinalou no pleno que “todos sabemos quen mandou quitar as fotos que chegaron dende ADEGA á Consellería de Medio Ambiente para paralizar esta obra” e lembrou que “esta obra foi adxudicada pola Xunta, cun impacto ambiental aprobado e unha Dirección de Obra”. Pedreira Mirás explica que “diante das denuncias presentadas houbo que presentar un proxecto reformado da obra, que agardamos que saia adiante en breve pero onte xa iniciamos os traballos na zona de Penelas, un área que non está afectada pola paralización”.
Recuperación do ecosistema fluvial do río Mercurín
A execución destas obras é froito dun convenio de colaboración asinado polo Concello de Ordes coa Xunta de Galicia, que está a investir 450.290 euros no acondicionamento das marxes do río Mercurín. A execución deste proxecto supón a recuperación do ecosistema fluvial do Mercurín ao longo de preto de dous quilómetros, concretamente entre os muiños da Silva e da Braña, que tamén serán recuperados. O proxecto inclúe a construción dun camiño peonil en ambas marxes do Mercurín a base de zahorra compactada e listóns de madeira. Un novo espazo de ocio e descanso integrado completamente no medio natural e que constará tamén dunha área recreativa e dunha zona de xogos infantís.
Unanimidade da travesía alternativa
Por outra banda, o pleno municipal aprobou por unanimidade o texto definitivo do convenio urbanístico para a ocupación dos terreos afectados pola construción da travesía alternativa de Ordes, en concreto do primeiro tramo desta obra (uns 740 metros comprendidos entre a N-550 e a AC-524). O alcalde de Ordes, Manuel Regos, anunciou no pleno que “agardamos empezar con esta obra no mes de xaneiro e ter este treito rematado no mes de agosto”.
Fronte ás dúbidas expresadas por Teodosio Martino sobre a financiación do proxecto, que ascende a 2,2 millóns de euros, Regos explicou que “os técnicos, que son os que se encargan destas cousas, din que os cartos deben chegar” e ironizou sobre as afirmacións de Teodosio Martino, que aseguraba que había que iniciar os traballos antes de decembro. “Na firma do convenio establécese que a anualidade á que se refire vostede corresponde a 2010”, explicoulle Manuel Regos, quen suxeriu que “ten vostede que preguntar mellor na Xunta ou ir máis por aló”.
Regos Boquete agradeceu a colaboración dos veciños para a sinatura deste convenio urbanístico, “polo que non se vai expropiar a ninguén”. Este primeiro tramo da travesía alternativa de Ordes partirá dunha futura glorieta na N-550 ata a actual rotonda do Paraíso, xunto o IES nº 1 e a futura Casa Cuartel de Ordes. O tramo contará cunha plataforma de 20 metros de ancho, repartidos en tres carrís de 3,5 metros (dous de subida e un de baixada), así como unha zona reservada para paseo peonil e carril bici (de 3 metros cada unha). O proxecto complétase cunha beiravía dun metro (esquerda) e 2 metros (dereita, separados por unha mediana do carril bici e da zona peonil).
Caseta vixianza en Ardemil e conta xeral
A unanimidade tamén se mantivo á hora de solicitar á Xunta a construción na parroquia de Ardemil dunha caseta de vixianza para facer fronte aos lumes forestais. Unha unanimidade que se mantivo tamén na aprobación definitiva da cesión gratuita ao Ministerio de Interior dos terreos para a construción do cuartel da Garda Civil. “Ésta foi a última exposición pública e non houbo reclamacións, polo que hoxe se pecha a tramitación”, explicou o alcalde ordense.
A unanimidade rompeuse á hora de aprobar a Conta Xeral de 2008, que saíu adiante cos 9 votos do grupo de Goberno, a abstención dos 2 concelleiros do BNG e o voto en contra dos 3 membros do PP. Diante das obxeccións postas polo voceiro popular, Manuel Regos indicou que “aquí non hai nada que agachar, estamos facendo obras e entendemos que iso molesta”.
Finalmente, no turno de mocións desbotouse a urxencia de senda proposicións de BNG e PP. Os nacionalistas solicitaban que o Concello de Ordes pedise á Xunta o mantemento do servizo de recollida de voluminosos no municipio. Fronte a esta petición, o concelleiro de Medio Ambiente explicou que, por lei, “dende abril os voluminosos xa non tiñan que entrar en Sogama” e lembrou que o cese do tratamento destes residuos por Sogama “non supón ningún gasto para o Concello ou os veciños, e mesmo pode supoñer un aforro”, xa que o punto limpo de Ordes podería acoller os residuos voluminosos dos municipios integrados na Mancomunidade de Ordes.
O pleno tampouco admitiu a urxencia da moción do PP que solicitaba o desarrollo dunha unidade de actuación no municipio. O concelleiro de Urbanismo, Roberto González, explicou que “non procede a urxencia, poi para nós a urxencia é o PXOM”, no que se está a traballar e do que se presentará un adianto nas vindeiras semanas.
*