lunes, 7 de septiembre de 2009

Chega a Universidade a Ordes

-
Inaugurouse o curso de verán da USC, 'A xestión ambiental nos concellos galegos'

É a primeira vez na historia que Ordes é sede universitaria

Peña Castiñeira: "É preciso que os concellos dispoñan dunha concellería de medio ambiente"

Traballar na consecución dun instrumento marco para desenvolver unha xestión ambiental aplicable a todos os concellos. Este é un dos obxectivos que aborda o curso de 'A xestión ambiental nos concellos galegos', que esta tarde quedou inaugurado coa presencia de representantes do Concello de Ordes e co director do curso, Francisco José Peña Castiñeira, Profesor de Medio Ambiente e Saúde na CEPADE-Universidad Politécnica de Madrid. Durante a inauguración, Peña loubou a estreita e fructífera relación mantida con este concello que fixo posible que Ordes se convertira por vez primeira en sede dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela.

Dende hoxe ata o venres
Cunha temática diversa e moi plural, o curso aborda desde hoxe e ata o vindeiro venres desde os distintos instrumentos de xestión que poden empregar os Concellos ata os problemas ambientais actuais tanto en solo, aire ou auga. “A gran vantaxe deste curso, e o meu orgullo como promotor del, é ter conformado un programa onde conflúen representantes da Administración Central, da galega, así como expertos das tres universidades galegas e un grupo moi interesante e completo de empresas implicadas”.

O director do curso tamén tivo a cargo o relatorio que pechou a primeira xornada do curso. Baixo o título 'Diagnóstico da saúde ambiental dos concellos galegos: propostas de mellora', Peña explicou que “aínda queda moito camiño que percorrer” xa que os concellos cada vez teñen máis competencias nesta materia pero a súa responsabilidade e os seus orzamentos non medran ao mesmo ritmo.

“É preciso que os concellos dispoñan dunha concellería de medio ambiente e de recursos suficientes e adecuados para facer fronte ás novas necesidades”. Peña non quixo tampouco esquecer a necesidade de acadar unha maior implicación da cidadanía co obxectivo de cambiar as actitudes respecto ao medio ambiente.

As frases de Francisco José Peña Castiñeira, director do curso da Universidade de Verán, 'A xestión ambiental nos concellos galegos'
“E un curso onde conseguimos integrar aos tres actores implicados na xestión medioambiental: administración, empresas e expertos universitarios de primeiro nivel para traballar pola sostenibilidade”,

"Temos un alto nivel acadado nesta primeira edición con expertos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional como Domingo Gómez Orea, a cargo do relatorio inaugural, ou Rosalía Fernández Patier, ambos verdadeiros pesos pesados nas súas materias”


*