Foron 44 alumnos/traballadores os que melloraron a súa formación e ampliaron as súas posibilidades de inserción no mundo laboral
Un total de 44 alumnos, divididos en catro especialidades: albanelería, electricidade, xardinería e carpintería, tomaron parte neste primer obradoiro que dera comezo o pasado mes de setembro cun orzamento de máis de 900.000 euros, conseguidos a través dunha achega da Consellería de Traballo e Benestar.
Durante o acto, no que lles fixo entrega dos diplomas acreditativos e se proxectou un video con imaxes nas que se puido apreciar a evolución da rehabilitación ao longo destes 12 meses, Manuel Regos destacou o importante traballo levado adiante por estes 44 veciños e veciñas desempregados de Ordes, “que fixo posible rehabilitar unha das estacións de tren máis singulares de Galicia recuperando un patrimonio para uso do Concello”.
Balance positivo
Tanto o director do Obradoiro de Emprego, José Antonio Fra, como os alumnos/traballadores e o profesorado, composto por dez docentes, estiveron presentes no acto. Fra destacou que, grazas a este obradoiro, “houbo xente que sacou o graduado de ESO e moitos recibiron formación para promover o autoemprego”, polo que se amosou moi satisfeito do balance do primeiro obradoiro que se celebra en Ordes.
A antiga estación de tren de Parada, composta por un conxunto dun edificio principal e dous anexos, é un punto de indubidable valor arquitectónico e histórico que agora o Concello recupera para o seu emprego como centro cultural, deportivo e de lecer.
A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Esta iniciativa do Concello, ademais de promover a formación e a inserción dos desempregados, permítelles a estas persoas mellorar a súa formación e incrementar deste xeito a súas posibilidades de integración no mundo laboral”