miércoles, 9 de septiembre de 2009

Radio Ordes estrea o seu programa cultural

.
'Son de chafarís' abrirá a tempada cunha entrevista ao actor Luis Tosar ao redor da súa próxima estrea, Celda 211

O programa de entrevistas, reportaxes, cultura, literatura, tradición e lingua galega está conducido por Raquel Ríos e David Fernández

Radio Ordes estrea mañá xoves “Son do Chafarís”, o novo programa no que semanalmente se dan conta das últimas novidades dentro do panorama cultural ordés e galego. O espazo conta con entrevistas, reportaxes e seccións de cultura, literatura, tradición e lingua galega elaborados integramente por Raquel Ríos e David Fernández, veciños da comarca. O horario de emisión en setembro será tódolos xoves e sábados ás 16 e 12 horas respectivamente.
.
Estrea cunha estrela: Luís Tosar
Neste primeiro programa ofrecerase unha entrevista co actor galego máis internacional, Luís Tosar. Entre outras cousas Tosar falará de Celda 211 a súa última película, estreada e obacionada no último festival de Venecia e que, según moitos, lle suporá o primeiro Goya no seu palmarés. A cinta chegará ás pantallas españolas o vindeiro 13 de novembro. Os exames de setembro e de cómo os estudantes de Ordes levan preparado esta cita académica, a gheada na comarca ou o certame fotográfico Galiza en Foco, cunha entrevista do gañador desta última edición, Xosé Luis Ouviña, son algúns dos temas que se abordarán. A axenda cultural máis completa e variada pechará esta terceira entrega de Son do Chafarís.

“Con esta oportunidade que nos brinda Radio Ordes pretendemos achegarlle ós veciños de tóda a comarca as principais novas e actos dentro do marco audiovisual galego, que se destaca non só pola calidade das súas produccións senón polo elevado número de proxectos que se están a levar a cabo”, afirma David Fernández. Especial mención merecen os contidos musicais, xa que toda a música que se pode escoitar ó longo da hora e media que aproximadamente dura o programa é feita en Galicia e tamén en Ordes.
“Moita xente, sobre todo os que non son tan novos ignoran a cantidade de grupos e músicos que están a traballar non só en Galicia, senón en Ordes. E son moitos os que xa contan cun recoñecemento especial nos circuitos musicais fóra das fronteiras galegas”, comenta Raquel Ríos. “Afortunadamente a resposta que estamos a ter por parte dos veciños, así coma das produtoras discográficas, editoriais e da xente do mundo do cine e da televisión no noso país non podía ser mellor”, conclúen os responsables de Son do Chafarís.
Poderás participar a través de internet
A opinión dos oíntes tamén ten unha importancia relevante para os conductores do espazo. Ofréceselles a todos a posibilidade de dar o seu punto de vista, suxestións ou participar en concursos a través de internet. “Agora mesmo temos un concurso de rimas no que poden participar tódolos que queiran. O obxetivo é conseguir a mellor rima co título do programa”, explica David Fernández. Para enviar os versos ou escoita-lo programa pódese acceder a través de Facebook ou Tuenti. “Agora non se pode entender a radio se non é a través de internet. Precisamente é aí onde o noso target mellor se move”, indican Raquel e David.

Con este novo programa Radio Ordes ve cumpridos dous dos seus obxectivos de cara á nova programación de outono inverno. Por unha banda ter un espazo cultural dentro da súa grella e, por outra, brindarlle a oportunidade ós estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual da comarca de complementar a súa formación.

*