Confírmase ademais que o Concello remodelará a antiga escola de Vilamaior para convertila nun centro social
O concelleiro do Medio Rural de Ordes, Xesús Pedreira, reuníuse esta mañán con medio centro de veciños e veciñas de Vilamaior afectados pola concentración parcelaria da parroquia de Vilamaior para recoller de primeira man as súas necesidades en canto á rede de camiños secundarios que se deberán executar ao abeiro da devandita parcelaria.
Tamén o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural aproveitou a ocasión para anunciarlles aos veciños a intención do Concello de Ordes de remodelar a antiga escola de Vilamaior “para facer un centro social, a disposición dos veciños e veciñas desta parroquia”.
As frases de Xesús Pedreira
"Hoxe pedímoslles aos veciños que nos dixeran aquelas pistas e enlaces que se deberían facer. Agora os técnicos do Concello elaborarán un informe que lle será remitido á Delegación Provincial e á Consellería do Medio Rural para que, dentro da cuantía económica do convenio, se poidan acondicionar canto antes estes camiños"
"A execución desta rede secundaria de camiños vai ser fundamental para o desenvolvemento da parroquia de Vilamaior, xunto con outras obras xa incluidas no Plan de Obras e Servizos, como o arranxo da pista de Marchás, ou as pistas que se van arranxar ao abeiro do convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural”.
*