viernes, 12 de diciembre de 2008

O director de Santiagosiete e Ordessiete presentou o seu Dicionario Xurídico dos Medios de Comunicación


Trátase da tradución ao galego do anterior dos mesmos autores e editado en castelán pola editorial xurídica Reus, S.A.

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación do Dicionario Xurídico dos Medios de Comunicación de Edicións Lea. Acompañados polo profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Barreiro, os seus autores, Renato A. Landeira e Víctor Cortizo presentaron o seu traballo logo dun arduo traballo de anos de investigación e recopilación de definicións e terminoloxía propia dos medios de comunicación expresada en leis, regulamentos, doutrina, xurisprudencia e demáis textos de natureza xurídica.
O dicionario xurídico, obra traducida do orixinal en castelán editada pola editorial xurídica Reus, S.A., ven de ser publicado en lingua galega pola compostelá Edicións Lea, e adoita ser unha obra de natureza inédita na bibliografía xurídica galega.

“Boa parte das definicións existen grazas á creativa doutrina”
Durante a súa presentación, o seu coautor Renato A. Landeira destacou a “pouca xurisprudencia” que existe sobre a materia, e que a maior parte das entradas do dicionario “veñen dadas pola propia norma xurídica, os convenios colectivos e ás veces, pola moi creativa doutrina”. Na súa exposición, o xornalista e avogado Renato A. Landeira “agradeceu” a aqueles xuristas e profesionais que se atreveron a dar alguhha definición a moi diferentes termos, que perfectamente podería ser exposta nun procedemento xudicial ou administrativo sen temor a ser rexeitada”. Exemplo deles foron o profesor Agúndez Fernández, “que deu unha definición agudísima do autor apócrifo”; a “autocensura” de Hugo Aznar; o “dereito da intimidade persoal” do profesor Lete del Río; ou tamén as do ourensán profesor Carlos Rogel Vide, ofrecendo acertadísimas definicións en materia de dereitos de autor, sobre todo relacionado cos diferentes conceptos da autoría.

“Unha obra interesante para avogados, xornalistas, persoal da administración e funcionarios”
Pola súa banda, Víctor Cortizo destacou a utilidade da obra “para diversos colectivos, como avogados, xornalistas, persoal das diferentes administracións e funcionarios”. Tamén incidiu na creación da obra sustentada “na experiencia e na práctica profesional” tanto no seu perfil como avogado como de docente universitario da materia do Dereito da Información. Tamén expuso a oportunidade da edición da obra “nun momento no que a lexislación sobre a materia vive un parón tras un década sen precedentes, entre os anos 1995 e 2005, intensísima de creación de normas xurídicas sobre a materia”.

O Diccionario Xurídico dos Medios de Comunicación que agora se presenta inclúe máis de 5.000 entradas e conta coa presentación dos profesores Carlos Rogel Vide, Catedrático de Dereito Civil da Universidad Complutense de Madrid; Domingo Bello Janeiro, Catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña; e Fernando Ramos Fernández, profesor titular de Dereito da Información da Universidade de Vigo.

Fotografía. De esquerda a dereita, Víctor Cortizo, Luis Barreiro e Renato A. Landeira. (Autor: Alberto Uzal)

*