O Voluntariado Verde do Concello inspecciona a calidade das augas dos ríos que pasan polo municipio
Inspeccionaron xa un tramo do río Ulloa ao seu paso pola parroquia de Beán
O Concello de Ordes, dende o programa Voluntariado Verde está a traballar no primeiro dos seus bloques de actuación correspondente ó programa de Defensa dos Ríos, sendo unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos.
Así, o grupo de voluntarios do Concello acompañados por membros da Asociación de Veciños de Beán participaron na inspección da calidade das augas nun tramo do río Ulloa, ao seu paso pola parroquia de Beán.
Durante a actividade os veciños, coa axuda dos voluntarios, aprenderon a tomar mostras para determinar os parámetros físicos, químicos e biolóxicos do seu río, determinando así o estado do mesmo. Con esta actuación, preténdense levar a cabo inspeccións periódicas do estado dos ríos da comarca, co obxectivo de protexer, manter e recuperar a calidade das augas.
Dende o Programa de Voluntariado Verde, animan ás asociacións de veciños, agrupacións, colectivos, etcétera, a que se impliquen de forma desinteresada na mellora das condicións dos ríos que pasan polas parroquias do municipio.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"O obxectivo destas inspeccións é establecer unha rede cidadá activa na protección dos nosos ríos, que permita coñecer o estado de saúde, protección e conservación dos ríos que pasan polas diferentes parroquias do Concello de Ordes"
*