Os nacionalistas consideran que a reforma laboral precisa dunha "forte contestación social e política"
Castro: "A actual reforma laboral atrasará a saída da crise e recortará os dereitos dos traballadores"
O BNG de Ordes presentou o pasado xoves unha iniciativa na que propón o apoio da corporación municipal á convocatoria e á mobilización da Folga Xeral do vindeiro 29 de setembro.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, xustificou a presentación desta moción manifestando que “a actual reforma laboral, que aumenta a flexibilidade no despedimento e na aplicación do salario pactado, atrasará a saída da crise e fará recaer sobre a clase traballadora as súas consecuencias máis dramáticas, supoñendo un recorte nos dereitos dos traballadores e traballadoras”.
Castro salientou que “ante esta reforma laboral é necesaria unha forte contestación social e política, como a convocatoria de folga xeral o vindeiro 29 de setembro, que desde o BNG apoiamos para que se muden as políticas económicas contrarias aos intereses de traballadores e traballadoras e da sociedade en xeral, ao tempo de defender un modelo económico que garanta prioritariamente o benestar das persoas a través da súa estabilidade nos empregos e o acceso a servizos públicos de calidade”.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes
“Desde o BNG agardamos que a corporación municipal defenda de xeito unánime os dereitos dos traballadores e traballadoras de Ordes, apoiando a folga xeral do vindeiro 29 de setembro”
*