jueves, 9 de septiembre de 2010

Unha nova axuda aos discapacitados para desenvolverse por eles mesmos


Máis dunha decena de persoas están xa inscritas nun novo curso de habilidades sociais dirixido a persoas con discapacidade que organiza o Concello

Silvia Marín: "Con esta iniciativa se pretende facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade"

O Concello xa ten listo un novo curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade a partir do próximo día 1 de outubro ata o 31 de marzo de 2011. Nesta ocasión trátase dun programa dirixido a persoas cunha discapacidade legal, recoñecida pola Xunta de Galicia nun grao non inferior a un 33%, que se celebrará todos os días laborables da semana, durante catro horas diarias en horario de mañá. De igual xeito que sucedera o ano pasado, o curso é totalmente gratuíto.

O prazo de inscrición continúa aberto
Ata o de agora xa hai máis dunha decena de persoas inscritas, pero o periodo de inscrición continúa aberto. Todos aqueles que estean interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición asinando unha solicitude e aportando unha fotocopia do DNI do interesado e/ou do seu representante, e unha fotocopia da calificación legal da discapacidade, na Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes, onde tamén se pode recibir máis información acerca desta actividade.

Nas clases desenvólvense diferentes tipos de obradoiros entre os que figuran clases de autonomía e desenvolvemento persoal, clases de cociña, obradoiros de psicomotricidade e relaxación, ou clases de alfabetización e cultura xeral, que axudan aos alumnos no seu desenvolvemento persoal.

A frase de Silvia Marín, concelleira de Discapacidade de Ordes
"Con esta iniciativa o Concello de Ordes pretende facilitar a integración dos participantes na sociedade, á vez de servir como respiro para as familias destas persoas que sofren algún tipo de discapacidade"

Foto: Momento do primeiro Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade do Concello de Ordes (arquivo).

*